Como podo formar parte?

A Axenda 2030 e os obxectivos de desenvolvemento sostible, a diferenza doutras axendas predecesoras, nace xa cunha firme vontade de participación de toda a sociedade. O sentido transformador da Axenda está intimamente asociado ao seu carácter universalista, o que implica unha mobilización activa dos actores políticos, sociais e económicos para o logro dos ODS. Os obxectivos e metas son o resultado de acordos sobre os grandes retos que temos por diante como humanidade, acordos aos que teñen chegado gobernos, cidadanía, sociedade civil (as ONG, universidade e institucións académicas, colexios profesionais etc.), empresas e outras institucións.
A Axenda 2030 é unha axenda “civilizadora” que ten a gran virtude da interrelación entre todos os obxectivos e representa unha oportunidade para a sustentabilidade do planeta e para mellorar a vida das persoas. Supón acadar o necesario diálogo e os suficientes consensos básicos entre gobernos, empresas, sociedade civil e cidadanía para que “non quede ninguén atrás”
Son todos eles grandes problemas que requiren unha vontade política robusta e uns recursos importantes pero, sobre todo, é indispensable que o sector privado e a sociedade civil se involucren no desenvolvemento sostible. Tampouco será posible implementar a Axenda sen a participación da cidadanía xa que, non hai cambio global que non proveña do local.
Un primeiro paso para conseguir aglutinar os intereses de todos os actores implicados (empresas, sociedade civil e cidadanía en xeral) na Axenda 2030 é unha ampla difusión dos contidos dos ODS acerca de cal é a situación actual en cada un dos países, rexións ou municipios e cales son as consecuencias de non actuar para resolver os problemas existentes. Os concellos, pola súa proximidade coa cidadanía, son as administracións que máis capacidade teñen para impulsar os procesos participativos e construír consensos. O proceso de identificación das principais eivas e de construción de indicadores é un instrumento fundamental para conseguir que a axenda estea en liña cos intereses da comunidade e para implicar tanto a persoas empregadas públicas coma ao sector privado e á sociedade civil.
Para fortalecer a Axenda no nivel local, un instrumento moi eficaz son as alianzas e redes de autoridades locais para promover o intercambio de boas prácticas e reclamar un maior papel, competencias e recursos para a implementación dos ODS. A participación dos distintos actores representa un dos eixos fundamentais. Como actores, debemos recibir información pero tamén participar no proceso de impulso, deseño, execución e avaliación das políticas derivadas dos ODS e, sobre todo e ante todo, debemos colaborar activamente nese proceso de transformación mudando hábitos, condutas e actitudes. Sen unha implicación efectiva será tarefa imposible a posta en marcha dos ODS nos concellos.
É importante a construción colectiva. PARTICIPA!
Fainos chegar as túas ideas para a reciclaxe, recuperación ou reutilización; os teus compromisos; as experiencias que estades a levar a cabo no eido da Axenda 2030, as suxestións de mellora…