Obxectivo 7: Garantir o acceso a unha enerxía accesible, segura, sostible e moderna para todas as persoas
A enerxía é fundamental para case todos os grandes desafíos e oportunidades aos que fai fronte o mundo actualmente, xa sexa para o emprego, a seguridade, o cambio climático, a produción de alimentos ou para aumentar os ingresos.
Traballar para alcanzar as metas deste obxectivo é esencialmente importante, xa que afecta directamente ás consecuencias doutros obxectivos de desenvolvemento sostible, por iso é vital apoiar novas iniciativas económicas e laborais que aseguren o acceso universal aos servizos de enerxía modernos, que melloren o rendemento enerxético e aumenten o uso de fontes renovables para crear comunidades máis sostibles e inclusivas e para a resiliencia ante problemas ambientais como o cambio climático.
A proporción da enerxía renovable aumentou respecto ao consumo final de enerxía grazas ao uso de fontes de enerxía como a hidroeléctrica, a solar, a eólica, e ademais a proporción de enerxía utilizada por unidade de PIB tamén está a diminuír.
A pesar dos novos cambios e dos esforzos, o avance en todos os ámbitos da enerxía sostible non está á altura do que se necesita para lograr o seu acceso universal e alcanzar as metas deste obxectivo. Débese aumentar o uso de enerxía renovable en sectores como o da calefacción e o do transporte. Tamén son necesarios os investimentos públicos e privados en enerxía, e maiores niveis de financiamento e políticas con compromisos máis audaces, ademais dunha boa disposición dos países para adoptar novas tecnoloxías nunha escala moito máis ampla.
A nivel local, este obxectivo aborda a necesidade de avanzar na utilización de fontes de enerxía locais, limpas e renovables, na racionalización do seu consumo e no aumento da eficiencia enerxética, e tamén en reducir a incidencia da pobreza enerxética e a vulnerabilidade enerxética da poboación.