Obxectivo 5: Lograr a igualdade entre os xéneros e apoderar todas as mulleres e as nenas
A igualdade de xénero non é só un dereito humano fundamental, senón a base necesaria para conseguir un mundo pacífico, próspero e sostible. A pesar de que se produciron avances a nivel mundial con relación á igualdade entre os xéneros, as mulleres e as nenas seguen sufrindo a discriminación e a violencia en todos os lugares do mundo.
Lamentablemente, na actualidade, 1 de cada 5 mulleres e nenas entre 15 e 49 anos de idade afirmaron ter experimentado violencia física ou sexual, ou ambas, a mans da súa parella nos 12 meses anteriores a ser preguntadas. Ademais, 49 países non teñen leis que protexan as mulleres da violencia doméstica. Aínda que se avanzou á hora de protexer as mulleres e nenas de prácticas nocivas como o matrimonio infantil e a mutilación xenital feminina, que se reduciu nun 30% na última década, queda moito traballo por facer para erradicalas.
Para acabar coa discriminación baseada no xénero, que aínda prevalece, é crucial establecer novos marcos legais sobre a igualdade das mulleres no lugar de traballo e a erradicación das prácticas discriminatorias sobre elas.
Se se facilita a igualdade ás mulleres e nenas e ademais o acceso á educación, á atención médica, a un traballo decente e a unha representación nos procesos de adopción de decisións políticas e económicas, estaranse a impulsar as economías sostibles e a sociedade, e a humanidade no seu conxunto beneficiaranse ao mesmo tempo deste cambio.
A nivel local, este obxectivo promove impulsar políticas decididas de igualdade transversais que impliquen a todos os axentes. Ademais, apoiar e incentivar o apoderamento de mulleres e nenas a nivel persoal, colectivo, social e político, así como a prevención da violencia de xénero e o apoio e atención de forma integral a mulleres vítimas desta lacra social.