EDUCACIÓN DE CALIDADE
No ODS 4, poden ser metas de referencia locais: 4.1, 4.2, 4.3, 4.4, 4.5, 4.6, 4.7 e 4.A
4.1 De aquí a 2030, asegurar que todas as nenas e nenos rematen o ensino primario e secundario, que debe ser gratuíto, equitativo e de calidade e producir resultados de aprendizaxe pertinentes e efectivos.
4.2 De aquí a 2030, asegurar que todas as nenas e todos os nenos teñan acceso a servizos de atención e desenvolvemento na primeira infancia e educación preescolar de calidade, co fin de que estean preparados para o ensino primario.
4.3 De aquí a 2030, asegurar o acceso igualitario de todos os homes e mulleres a unha formación técnica, profesional e superior de calidade, incluído o ensino universitario.
4.4 De aquí a 2030, aumentar considerablemente o número de persoas mozas e adultas que teñen as competencias necesarias, en particular técnicas e profesionais, para acceder ao emprego, ao traballo digno e ao emprendemento.
4.5 De aquí a 2030, eliminar as disparidades de xénero na educación e asegurar o acceso igualitario a todos os niveis do ensino e á formación profesional para as persoas vulnerables, incluídas as persoas con discapacidade, os pobos indíxenas e os nenos e nenas en situacións de vulnerabilidade.
4.6 De aquí a 2030, asegurar que todas as persoas mozas e unha proporción considerable das adultas, tanto homes como mulleres, estean alfabetizadas e teñan nocións elementais de aritmética.
4.7 De aquí a 2030, asegurar que todo o alumnado adquira os coñecementos teóricos e prácticos necesarios para promover o desenvolvemento sostible, entre outras cousas mediante a educación para o desenvolvemento e os estilos de vida sostibles, os dereitos humanos, a igualdade de xénero, a promoción dunha cultura de paz e non violencia, a cidadanía mundial, a valoración da diversidade cultural e a contribución da cultura ao desenvolvemento sostible.
4.A Construír e adecuar instalacións educativas que teñan en conta as necesidades da infancia e das persoas con discapacidade e as diferenzas de xénero, e que ofrezan contornas de aprendizaxe seguras, non violentas, inclusivas e eficaces para todas as persoas.
4. B De aquí a 2020, aumentar considerablemente a nivel mundial o número de bolsas dispoñibles para os países en desenvolvemento, en particular os países menos adiantados, os pequenos estados insulares en desenvolvemento e os países africanos, co fin de que o seu estudantado poida matricularse en programas de ensino superior, incluídos programas de formación profesional e programas técnicos, científicos, de enxeñería e de tecnoloxía da información e as comunicacións, de países desenvolvidos e doutros países en desenvolvemento.
4. C De aquí a 2030, aumentar considerablemente a oferta de persoas docentes cualificadas, mesmo mediante a cooperación internacional para a formación da docencia nos países en desenvolvemento, especialmente os países menos adiantados e nos pequenos estados insulares en desenvolvemento.