SAÚDE E BENESTAR
No ODS 3 poden ser metas de referencia locais: 3.4, 3.5, 3.6, 3.7 e 3.9
3.1. Para 2030, reducir a taxa mundial de mortalidade materna a menos de 70 por cada 100.000 persoas nacidas vivas.
3.2. Para 2030, poñer fin ás mortes neonatais evitables e de nenos e nenas menores de 5 anos, logrando que todos os países intenten reducir a mortalidade neonatal polo menos ata 12 por cada 1.000 persoas nacidas vivas e a mortalidade de nenos e nenas menores de 5 anos polo menos ata 25 por cada 1.000 persoas nacidas vivas.
3.3. Para 2030, poñer fin ás epidemias da SIDA, tuberculose, malaria e enfermidades tropicais desatendidas e combater a hepatite, as enfermidades transmitidas pola auga e outras enfermidades transmisibles.
3.4. Para 2030, reducir nun terzo a mortalidade prematura por enfermidades non transmisibles mediante a prevención e o tratamento e promover a saúde mental e o benestar.
3.5. Fortalecer a prevención e o tratamento do abuso de substancias adictivas, incluído o uso indebido de estupefacientes e o consumo nocivo de alcohol.
3.6. Para 2020, reducir á metade o número de mortes e lesións causadas por accidentes de tráfico no mundo.
3.7. Para 2030, garantir o acceso universal aos servizos de saúde sexual e reprodutiva, incluídos os de planificación da familia, información e educación, e a integración da saúde reprodutiva nas estratexias e os programas nacionais.
3.8. Lograr a cobertura sanitaria universal, en particular a protección contra os riscos financeiros, o acceso a servizos de saúde esenciais de calidade e o acceso a medicamentos e vacinas seguros, eficaces, alcanzables e de calidade para todos.
3.9. Para 2030, reducir substancialmente o número de mortes e enfermidades producidas por produtos químicos perigosos e a contaminación do aire, da auga e do solo.
3.A Fortalecer a aplicación do Convenio marco da Organización Mundial da Saúde para o control do tabaco en todos os países, segundo proceda.
3.B Apoiar as actividades de investigación e desenvolvemento de vacinas e medicamentos para as enfermidades transmisibles e non transmisibles que afectan primordialmente aos países en desenvolvemento e facilitar o acceso a medicamentos e vacinas esenciais alcanzables ao abeiro da Declaración de Doha relativa ao Acordo sobre os ADPIC e a saúde pública, na que se afirma o dereito dos países en desenvolvemento a utilizar ao máximo as disposicións do Acordo sobre os aspectos dos dereitos de propiedade intelectual relacionados co comercio no relativo á flexibilidade para protexer a saúde pública e, en particular, proporcionar acceso aos medicamentos para todas as persoas.
3.C Aumentar substancialmente o financiamento da saúde e a contratación, o desenvolvemento, a capacitación e a retención do persoal sanitario nos países en desenvolvemento, especialmente nos países menos adiantados e nos pequenos estados insulares en desenvolvemento.
3.D Reforzar a capacidade de todos os países, en particular dos países en desenvolvemento, en materia de alerta temperá, redución de riscos e xestión dos riscos para a saúde nacional e mundial.