Obxectivo 15: Xestionar sostiblemente os bosques, loitar contra a desertización, deter e inverter a degradación das terras e deter a perda de biodiversidade
O 30,7% da superficie terrestre está cuberta por bosques e estes, ademais de proporcionar seguridade alimentaria e refuxio, son fundamentais para combater o cambio climático, pois protexen a diversidade biolóxica e as vivendas da poboación indíxena, polo tanto, se os protexemos fortaleceremos a xestión de recursos naturais e aumentaremos a produtividade da terra.
Actualmente, desaparecen 13 millóns de hectáreas de bosques cada ano e a degradación persistente das zonas áridas está provocando a desertización de 3600 millóns de hectáreas. A desertización e a deforestación provocadas polas actividades humanas e o cambio climático, supoñen grandes retos para o desenvolvemento sostible e a loita para combater a pobreza.
Actualmente, están a implementarse acordos internacionais que promoven o uso dos recursos de maneira equitativa, e tamén están a realizarse investimentos financeiros en apoio da biodiversidade, como o fondo The Lions`s Share, creado en 2018 polo Programa da Nacións Unidas para o Desenvolvemento (PNUD) co obxectivo de manter os animais e os seus hábitats en todo o mundo, e que espera conseguir 100 millóns de dólares por ano a partir de 2021.
A nivel municipal, este obxectivo aborda a necesidade de integrar os valores dos ecosistemas e da biodiversidade na planificación municipal, protexendo, mantendo e restaurando os ecosistemas e os seus servizos, xestionando de xeito eficaz e eficiente o patrimonio natural e todos os tipos de bosques e montes, controlando os solos potencialmente contaminados e promovendo o coñecemento e a cultura da natureza entre a cidadanía.