Obxectivo 13: Adoptar medidas urxentes para combater o cambio climático e os seus efectos
O cambio climático esta afectando a todo o planeta producindo impactos negativos na economía, na vida das persoas e nas comunidades. Se non o freamos, a temperatura media da superficie do planeta podería aumentar 3 graos centígrados este século xa que os patróns climáticos están a cambiar. Os niveis do mar están a aumentar, os eventos climáticos son cada vez máis extremos e as emisións de gas efecto invernadoiro están a adquirir os niveis máis altos da historia.
Hoxe en día moitos países teñen ao alcance da man medidas para enfrontar este problema e ter actividades económicas máis sostibles e máis respectuosas co medio. O cambio climático é un reto global que non respecta as fronteiras nacionais, é un problema que afecta á comunidade internacional e que require unha acción coordinada e precisa para que os países en desenvolvemento avancen tamén cara a unha economía baixa en carbono.
Para fortalecer a resposta global á ameaza do cambio climático, os países adoptaron o Acordo de París na COP21, que entrou en vigor en novembro de 2016 polo que todos os países acordan traballar para limitar o aumento da temperatura global a menos de dous graos centígrados, algo esencial para lograr alcanzar os obxectivos de desenvolvemento sostible e crear a resiliencia climática que o mundo necesita. En 2018, 175 estados ratificaron o Acordo de París e 10 países en desenvolvemento presentaron a primeira versión dos seus plans nacionais de adaptación, para responder ao cambio climático.
A nivel municipal, este obxectivo céntrase a adopción de compromisos firmes para avanzar na mitigación das emisións de gases de efecto invernadoiro e a adaptación do municipio fronte aos impactos derivados das ameazas climáticas, así mesmo, os concellos teñen que mellorar a educación e sensibilización medioambiental da súa cidadanía.