Obxectivo 12: Garantir modalidades de consumo e de produción sostibles
O consumo e a produción sostible consisten en fomentar o uso eficiente dos recursos e a enerxía, a construción de infraestruturas que non danen o medio ambiente, a mellora do acceso aos servizos básicos e a creación de empregos ecolóxicos, xustamente remunerados e con boas condicións laborais. Todo o cal tradúcese en obter unha mellor calidade de vida e axudar a lograr plans xerais de desenvolvemento, que rebaixen custos económicos, ambientais e sociais, que aumenten a competitividade e reduzan a pobreza.
Dado que na actualidade o consumo de recursos naturais está aumentando, o obxectivo do consumo e a produción sostibles é facer máis e mellores cousas con menos recursos, é crear ganancias netas mediante a redución da utilización dos recursos, a degradación e a contaminación. Necesítase, ademais, adoptar un enfoque sistémico e lograr a cooperación entre os participantes da cadea de subministración, dende quen produce ata quen consome finalmente, e sensibilizar os consumidores mediante a educación sobre os modos de vida sostibles, facilitándolles información adecuada a través da etiquetaxe e as normas de uso, entre outros.
A nivel municipal, este obxectivo aborda, entre outras accións, a planificación e a xestión activa na acción local en materia de coidado do ambiente e a loita contra o cambio climático, adoptando compromisos firmes para avanzar na redución das emisións de gases de efecto invernadoiro, na xestión sostible dos residuos de todo tipo, promovendo a súa redución, reciclaxe e reutilización, sensibilizando as empresas locais para que adopten prácticas sostibles, e facendo adquisicións públicas responsables.