Obxectivo 11: Lograr que as cidades e os asentamentos humanos sexan inclusivos, seguros, resilientes e sostibles
As cidades son fervedoiros de ideas, comercio, cultura, ciencia, produtividade, desenvolvemento social e moito máis. A medida que pasa o tempo o crecemento urbano increméntase cada vez máis polo que é necesario mellorar a planificación e a xestión urbana para facer das cidades lugares máis inclusivos, seguros, resilientes e sostibles, e que lles permiten ás persoas progresar social e economicamente.
Se se quere que as cidades sigan xerando empregos e sendo prósperas sen exercer presión sobre a terra e os recursos hai que emendar moitos problemas como a conxestión, a falta de fondos para prestar servizos básicos, a falta de políticas apropiadas en materia de terras e vivendas e o deterioro da infraestrutura.
Os problemas que enfrontan as cidades, como a recollida e a xestión seguras e sostibles dos residuos sólidos, poden supoñer unha oportunidade que lles permita seguir prosperando e medrando, aproveitando mellor os recursos e reducindo a contaminación e a pobreza. O futuro que queremos inclúe cidades de oportunidades, con acceso a servizos básicos, enerxía, vivenda, transporte e máis facilidades para todas as persoas.
A nivel local este é o obxectivo que máis orientado está cara aos municipios, abordando aspectos como a contaminación, coñecer, controlar e prever os riscos de desastres, fomentar a cultura participativa, impulsar a rexeneración urbana e a rehabilitación de vivendas. Tamén incide en desenvolver un planeamento urbanístico sostible e inclusivo que asegure o acceso á vivenda e a conservación do patrimonio histórico, arquitectónico, industrial e natural, que favoreza o vínculo entre zonas urbanas, periurbanas e rurais e políticas que reduzan o impacto ambiental na cidade.