AS EMPRESAS ANTE OS ODS

O empresariado é un socio vital para a consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible. As empresas poden contribuír a través da actividade principal do seu negocio, polo que pedimos ás empresas de todo o mundo que avalíen o seu impacto, establezan metas ambiciosas e comuniquen de forma transparente os seus resultados.

Ban Ki-moon,
Secretario Xeral das Nacións Unidas

Os ODS fan unha chamada á acción entre gobernos, empresas e sociedade civil, para poñer fin á pobreza e crear unha vida digna e de oportunidades para todas as persoas, dentro dos límites do planeta.

Hoxe, dende todas as instancias, as empresas son consideradas axentes clave para lograr o desenvolvemento tanto no ámbito internacional como local. Iso implica un paso moi importante, unha oportunidade dobre. Por unha banda, a oportunidade de que deixen de ser meros axentes financiadores ou doadores e sexan considerados parceiros imprescindible. Por outra, as empresas teñen no desenvolvemento sostible oportunidades novas de negocio que deben identificar e aproveitar.

Co logro dos ODS crearíase un mundo integramente sustentable, socialmente xusto, ambientalmente seguro, economicamente próspero, inclusivo e predicible.

As empresas realmente necesitan dos ODS, xa que estes ofrecen unha estratexia de crecemento convincente para as empresas individuais, para os negocios en xeral e para a economía de todo o mundo. Pero, tamén os ODS necesitan as empresas xa que, se estas non aproveitan as oportunidades que o mercado lles ofrece e promoven o progreso no paquete completo dos obxectivos, a abundancia que ofrecen non se materializará.

Fontes: SDG Compass Guide

El sector privado ante los ODS – Guía práctica para la acción, Pacto Mundial – Red Española

Mejores negocios, un mundo mejor –Comisión de Comercio y Desarrollo Sustentable-

GUÍA DE CABECEIRA PARA OS PROFESIONAIS DAS EMPRESAS QUE QUEIRAN CONTRIBUÍR AO DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE

OBXECTIVO 1: FIN DA POBREZA

O ODS 1 pretende erradicar a pobreza extrema en todo o mundo, reducíndoa en todas as súas dimensión e facilitando o acceso a recursos económicos, servizos básicos e protección social a toda a poboación. Así mesmo, búscase diminuír a exposición das persoas en situación de vulnerabilidade aos desastres económicos, sociais e ambientais e a outras crises e impulsar o crecemento dos países en desenvolvemento, a través da cooperación e da creación de marcos normativos sólidos nos eidos nacional, rexional e internacional.

Actuando. Que poden facer as empresas?

As empresas xogan un papel importante para conseguir acadar este obxectivo, creando oportunidades laborais para grupos vulnerables, proporcionando condicións de traballo dignas ás persoas empregadas e provedoras e impactando positivamente nas comunidades locais, países en desenvolvemento e zonas afectadas por crises sociais ou ambientais. Todas independentemente do seu sector, poden tomar medidas ao respecto.

OBXECTIVO 2: FAME CERO

O obxectivo 2 pretende poñer fin á fame e á malnutrición con catro liñas: asegurando o acceso de todas as persoas a una alimentación sa, nutritiva e suficiente, favorecendo a sostibilidade dos sistemas de produción de alimentos, mellorando a produtividade, a resiliencia e a calidade do emprego agrícola e fortalecendo os mercado agropecuarios e de produtos básicos alimentarios en todo o mundo.

Actuando. Que poden facer as empresas?

As empresas privadas xogan un papel importante para conseguir alcanzar este obxectivo, impulsando a investigación en tecnoloxía agrícola, expandindo prácticas sostibles cos alimentos nas súas cadeas de subministración e impactando de forma positiva nas comunidades nas que operan para favorecer o acceso da poboación a alimentos sans e suficientes.

Hai determinadas empresas cuxo núcleo de negocio está máis directamente ligado a este obxectivo, como son as do sector agrícola ou as do sector da alimentación. Non obstante, todas a empresas poden tomar medidas.

OBXECTIVO 3: SAÚDE E BENESTAR

O ODS 3 pretende reducir a taxa mundial de mortalidade materna e infantil, lograr a cobertura sanitaria universal e o acceso aos servizos de saúde sexual e reprodutiva para todas as persoas, poñer fin ás epidemias de enfermidades, reducir as mortes relacionadas con substancias adictivas e os accidentes de tráfico e fomentar a investigación e o financiamento da saúde.

Actuando. Que poden facer as empresas?

As empresas xogan un papel importante para acadar este obxectivo, poñendo en marcha plans axeitados de seguridade e saúde laboral para persoas empregadas e as súas cadeas de valor, asegurándose de que as súas operacións non impacten negativamente sobre o dereito á saúde da poboación e maximizando as súas contribucións positivas sobre o benestar do conxunto da sociedade. As do sector sanitario ou farmacéutico están máis ligadas a este obxectivo, pero todas, independentemente do seu sector, poden tomar medidas.

OBXECTIVO 4: EDUCACIÓN DE CALIDADE

Investir en educación de calidade é a base para mellorar a vida das persoas e, polo tanto, para contribuír ao desenvolvemento sostible. Só a través do acceso á educación de toda a poboación se pode garantir un crecemento económico e social sostible, así como unha maior sensibilidade e acción en relación ao medio.

A discriminación e a pobreza aínda manteñen a moitas persoas afastadas dunha educación de calidade. Nos próximos anos, o foco deberá poñerse en garantir o dereito á educación das persoas vulnerables, en erradicar o analfabetismo e en promover unha educación para o desenvolvemento sostible, baseada nos dereitos humanos e en pautas de vida sostible. Ademais, só a través da educación se conseguirá expandir a mensaxe dos ODS a todas as esferas da sociedade e facer realidade as metas que propoñen.

Actuando. Que poden facer as empresas?

As empresas xogan un papel protagonista no fomento e no investimento en educación. Poden contribuír internamente na súa organización a través de formación do persoal e de grupos de interese, e no externo, investindo en educación.

O investimento en educación amplía as oportunidades de negocio das empresas, creando novos mercados e bases de clientela e favorecendo un persoal máis cualificado, aumentando con iso a produtividade e o crecemento das empresas. Unha poboación máis educada terá acceso a mellores oportunidades laborais e mellores salarios e, polo tanto, a máis ingresos dispoñibles, o que beneficia os mercados e o benestar da sociedade.

Determinadas empresas están máis ligadas a este ODS, como as o sector educativo ou das telecomunicacións. Pero calquera tipo de organización pode contribuír.

OBXECTIVO 5: IGUALDADE DE XÉNERO

O ODS 5 pretende facilitar ás mulleres e nenas igualdade no acceso á educación e atención médica, nas oportunidades para conseguir un traballo digno e na representación nos procesos de adopción de decisión políticas e económicas.

Accións no ámbito das empresas

As empresas teñen un papel clave neste sentido e deben adoptar internamente políticas e procedementos para garantir os mesmos dereitos e oportunidades laborais ás mulleres e investir externamente en programas de apoderamento económico das mulleres e das nenas, para fomentar así o crecemento económico e o desenvolvemento social.

OBXECTIVO 6: AUGA LIMPA E SANEAMENTO

Actualmente, máis dun terzo da poboación mundial vive en países con escaseza de auga e para o ano 2025 espérase que o número medre a dous terzos. Ademais, a contaminación da auga vai en aumento, consecuencia directa das augas residuais industriais e da incorrecta eliminación de residuos. Sumado a estas cuestións, o cambio climático está provocando con más frecuencia fenómenos meteorolóxicos extremos, tales como secas ou inundacións.

O ODS 6 está destinado a lograr un acceso universal e equitativo á auga potable e a servizos de saneamento e hixiene axeitados, así como a mellorar a calidade da auga a nivel global.

Actuando, Que poden facer as empresas?

As empresas xogan un rol crave neste sentido, xestionando de forma sostible os recursos hídricos na elaboración dos seus produtos e servizos, fomentando e facilitando a mellora da xestión da auga na súa cadea de valor e transformando en sostibles aquelas das súas operacións que xeren contaminación dos recursos hídricos.

Todas as entidades poden contribuír de diferentes maneiras ao obxectivo 6, aínda que algunhas estean máis ligadas a esta temática, como son as do sector químico ou as do sector da alimentación e das bebidas.

OBXECTIVO 7: ENERXÍA ACCESIBLE E NON CONTAMINANTE

É fundamental facer chegar a enerxía a toda a poboación para mellorar a escala global o acceso a sistemas de calefacción, iluminación de escolas e hospitais, a comunicación, o acceso a internet e as máquinas e ferramentas de traballo, cuestións que repercuten directamente sobre o desenvolvemento.

Ademais, actualmente, a economía global depende en gran medida dos combustibles fósiles, que contribúen ao aumento das emisións de gases de efecto invernadoiro cuxas consecuencias teñen graves impactos en termos humanitarios, sociais e ambientais.

O ODS 7 pretende, no curto prazo, garantir o acceso universal a unha enerxía accesible, confiable e moderna, para mellorar as condicións de vida de milleiros de persoas. A longo prazo, persegue aumentar o uso de enerxías renovables en detrimento dos combustibles fósiles e fomentar a eficiencia enerxética, creando unha economía completamente sostible na que prime o benestar da sociedade e o medio.

Actuando. Que poden facer as empresas?

O sector privado ten unha importancia clave, especialmente se pertence ao sector enerxético ou industrial. Pode investir en fontes de enerxía limpa, como a solar, a eólica ou a termal, apostar por tecnoloxías que reduzan o consumo mundial de electricidade nos edificios e fábricas e realizar proxectos que contribúan a levar a enerxía ás comunidades locais máis desfavorecidas.

OBXECTIVO 8: TRABALLO DIGNO E CRECEMENTO ECONÓMICO

O ODS 8 pretende conseguir un crecemento económico sostible e inclusivo, que beneficie a todas as persoas por igual e non prexudique o medio. Isto só poderá conseguirse creando emprego digno para todas as persoas, especialmente para mulleres, mocidade e outros grupos en situación de vulnerabilidade, erradicando prácticas coma o traballo forzoso e infantil e impulsando o emprendemento e a innovación tecnolóxica.

Actuando. Que poden facer as empresas?

O sector privado é decisivo na consecución deste obxectivo, xa que as empresas son o instrumento principal para a creación de postos de traballo. Así, deben garantir condicións dignas de emprego tanto ao seus traballadores directos como a través das súas cadeas de subministración, fomentar a contratación de nova man de obra, especialmente entre grupos en situación de vulnerabilidade, e incrementar a produtividade económica a través do impulso da I+D+i, a tecnoloxía e o emprendemento.

OBXECTIVO 9: INDUSTRIA, INNOVACIÓN E INFRAESTRUTURA

A existencia de estradas, as conexións marítimas, o acceso á enerxía eléctrica, á auga e a Internet, son esenciais para lograr sociedades prósperas e sostibles. Ademais, co crecente aumento da poboación no mundo, faise preciso construír máis infraestruturas e de forma máis sostible. Tamén resulta fundamental crear novas industrias para facer fronte á crecente demanda destes servizos e garantir máis postos de traballo. Por outra banda, os avances tecnolóxicos e a investigación e innovación científica tamén son esenciais para atopar solucións permanentes aos desafíos económicos e ambientais.

O ODS 9 pretende conseguir infraestruturas sostibles, resilientes e de calidade para todas as persoas, impulsar unha nova industria baixo criterios de sustentabilidade que adopte tecnoloxías e procesos industriais limpos e ambientalmente racionais, fomentar a tecnoloxía, a innovación e o investimento e lograr o acceso igualitario á información e ao coñecemento, principalmente a través de internet.

Estas metas repercutirán de forma directa sobre o aumento da produtividade e dos ingresos e mellorarán o acceso á atención sanitaria e á educación, ademais de axudar a protexer os nosos ecosistemas e recursos naturais.

Actuando. Que poden facer as empresas?

As empresas teñen un papel moi relevante neste obxectivo fomentando procesos industriais que non impacten sobre o medio, incorporando as PEMES como socios comerciais na súa cadea de valor, favorecendo a expansión de infraestruturas sostibles e resilientes, das tecnoloxías da comunicación e apoiando a innovación e a investigación no seu núcleo de negocio.

OBXECTIVO 10: REDUCIÓN DAS DESIGUALDADES

A desigualdade de ingresos entre os diferentes países do mundo segue medrando. O 10% máis rico da poboación posúe o 40% dos ingresos mundiais totais, mentres que o 10% máis pobre só posúe entre o 2% e o 7% dos ingresos totais. A desigualdade constitúe unha ameaza para o desenvolvemento social e económico, debilitando o crecemento dos países, fomentando a pobreza global e minguando o sentimento de realización e a autoestima das persoas.

O ODS 10 pretende reducir a desigualdade de ingresos e oportunidades entre países e dentro deles, reducindo a pobreza nas zonas máis desfavorecidas, promovendo a inclusión social, económica e política de todas as persoas, especialmente dos grupos vulnerables, impulsando políticas internacionais para mellorar a regulamentación e o control dos mercados e institucións financeiras e alentando a cooperación para o desenvolvemento e o investimento estranxeiro directo nas rexións que máis o necesiten. Tamén busca facilitar a migración e a mobilidade segura e a responsable das persoas migrantes.

Actuando. Que poden facer as empresas?

As empresas xogan un papel importante para conseguir acadar este obxectivo, proporcionando condicións laborais dignas a través de toda a súa cadea de valor, especialmente para grupos desfavorecidos, redistribuíndo de forma máis igualitaria os salarios entre o persoal, implantando mecanismos para evitar a evasión fiscal e fomentando proxectos de cooperación ao desenvolvemento.

OBXECTIVO 11: CIDADES E COMUNIDADES SOSTIBLES

A día de hoxe, 3.500 millóns de persoas, máis da metade da poboación mundial, viven en zonas urbanas. En 2050, esa cifra aumentará a 6.500 millóns de persoas, os 2/3 da humanidade. A expansión das cidades permitiu un rápido progreso social e económico, pero tamén trouxo consigo problemas incipientes, tales coma a desaxeitada xestión dos recursos naturais ou a contaminación, a falta de fondos para prestar servizos básicos e vivendas axeitadas e o aumento dos barrios marxinais e a pobreza dentro das urbes. Actualmente 828 millóns de persoas viven en barrios marxinais.

O ODS 11 pretende conseguir cidades e comunidades sostibles a través do acceso de toda a poboación a vivendas, servizos básicos e medios de transporte axeitados, accesibles e seguros, especialmente para as persoas en situación de vulnerabilidade, e fomentando nas cidades a redución do impacto ambiental, potenciando as zonas verdes e os espazos públicos seguros e inclusivos, un urbanismo sostible e unha mellorar das condicións nos barrios marxinais.

Pretende ademais conseguir a preservación do patrimonio cultural e natural do mundo, facer fronte aos impactos dos desastres naturais nos asentamentos humanos e fortalecer o vínculo entres as zonas urbanas e rurais para xerar un desenvolvemento que beneficie a ambas.

Actuando. Que poden facer as empresas?

As empresas teñen un rol clave para lograr estas metas, introducindo criterios de mobilidade sostible, fomentando as infraestruturas e procesos sostibles, preservando o patrimonio cultural e natural, impactando positivamente nas cidades e asentamentos humanos nos que opera e investindo na protección das persoas potencialmente afectadas por desastres naturais. As empresas máis ligadas a este obxectivo pertencen ao sector da construción ou ás TIC, pero dende outros sectores tamén poden contribuír.

OBXECTIVO 12: PRODUCIÓN E CONSUMO RESPONSABLES

Garantir o benestar da poboación a través do acceso á auga, enerxía, alimentos ou outros bens, tradúcese nun consumo excesivo dos recursos naturais presentes no noso planeta. Os modelos actuais de produción e consumo están esgotando os recursos e danando os ecosistemas á hora de os transformar. Calcúlase que a poboación mundial chegará aos 9.600 millóns de persoas no 2050. Con esta cifra, farían falta os recursos naturais de case tres planetas para manter os modos de vida actuais.

Co ODS 12, a ONU aspira a mudar o modelo actual de produción e consumo para conseguir unha xestión eficiente dos recursos naturais, poñendo en marcha procesos para evitar a perda de alimentos, un uso ecolóxico dos produtos químicos e a diminución dos residuos.

Así mesmo, pretende darlle pulo aos estilos de vida sostibles entre a poboación, conseguir que o sector privado actúe baixo criterios de sustentabilidade e favorecer o cambio de modelo a través de políticas públicas que eliminen os subsidios a combustibles fósiles e fomenten a contratación pública sostible. Ademais, preténdese fomentar un turismo sostible, que xere crecemento económico e protexa a cultura e os produtos locais.

Actuando. Que poden facer as empresas?

As organizacións do sector privado que queiran contribuír a este ODS e obter unha vantaxe competitiva contan con amplas posibilidades de acción, especialmente as do sector alimentario, téxtil ou de bens de consumo.

OBXECTIVO 13: ACCIÓN POLO CLIMA

O cambio climático é un fenómeno que afecta a todos os países e persoas do mundo. O quecemento global continúa aumentando, as emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) son un 50% superiores aos niveis que tiñamos en 1990 e calcúlase que aumentarán un 45% máis ata o 2030 se non se actúa de maneira urxente e comprometida para frear as emisións. As consecuencias sobre o planeta son directas, provocando o quecemento dos océanos, o aumento do nivel do mar, a desconxelación dos polos e fenómenos meteorolóxicos extremos, tales coma vagas de calor prolongadas e incendios, desertificación de terreos e secas, terremotos, inundacións e tsunamis.

O obxectivo 13 pretende introducir o cambio climático como cuestión primordial nas políticas, estratexias e plans de países, empresas e sociedade civil, mellorando a resposta aos problemas que xera, tales como os desastres naturais, e impulsando a educación e a sensiblización de toda a poboación.

Ademais, insta os estados a contribuír economicamente para lograr os obxectivos do Pacto de París e a cooperar cos países en desenvolvemento e pequenos estados insulares para mellorar a súa capacidade de xestión do cambio climático, prestando especial atención aos problemas que xera en mulleres, mocidade e comunidades marxinadas.

Actuando. Que poden facer as empresas?

O sector privado xoga un papel protagonista establecendo estratexias para reducir as súas emisións de gases de efecto invernadoiro á atmosfera, impulsando as enerxías renovables en detrimento das fósiles nas súas actividades, investindo en I+D+i para desenvolver innovación ambiental e traballando de xeito coordinado coa comunidade internacional para cumprir os compromisos mundiais en materia de cambio climático.

OBXECTIVO 14: VIDA SUBMARINA

Os océanos e mares ocupan ¾ partes da superficie terrestre, regulando o clima, producindo osíxeno e proporcionándonos recursos naturais e alimentarios. Na súa contorna atopan emprego máis de 200 millóns de persoas. Así mesmo, os océanos son fundamentais para contrarrestar os efectos do cambio climático, xa que o 30% do dióxido de carbono xerado polas actividades humanas é absorbido por eles. Non obstante, a capacidade dos océanos e mares para soportar a actividade humana é limitada. A contaminación e destrución do hábitat e recursos mariños, as modalidades insostibles de pesca e a acidificación do océanos, danan estes ecosistemas, prexudicando millóns de persoas.

O cambio climático ameaza ademais de forma particular os océanos, provocando desastres climáticos de maior impacto e a modificación na biosfera mariña. É fundamental fomentar a xestión eficiente dos ecosistemas mariños para asegurar a sustentabilidade do planeta.

O ODS 14 pretende protexer os ecosistemas mariños e costeiros, reducindo a contaminación mariña e a acidificación dos océanos, poñer fin ás prácticas de pesca insostibles, promover a investigación científica en materia de tecnoloxía mariña, fomentar o crecemento dos estados insulares en desenvolvemento e pescadores artesanais e impulsar e reforzar o dereito internacional relativo a océanos e mares.

Actuando. Que poden facer as empresas?

As empresas xogan un rol clave ante as metas deste ODS a través da redución da contaminación sobre océanos e mares nas súas actividades, impactando positivamente sobre os países insulares en desenvolvemento, promovendo prácticas de pesca sostibles e axustando as súas actuación ao dereito internacional. Hai determinadas entidades cuxo núcleo de negocio está máis directamente ligado a este obxectivo, como as do sector turístico, da construción ou da alimentación. Non obstante, todas as empresas poden tomar medidas para contribuír.

OBXECTIVO 15: VIDA DE ECOSISTEMAS TERRESTRES

Os ecosistemas terrestres, tales coma os bosques ou as montañas, son fonte principal de alimentos, proporcionan aire e auga limpos e constitúen o hábitat de milleiros de especies animais e vexetais. Estes ecosistemas e as especies que viven neles están sendo ameazados polas consecuencias das actividades humanas e polo cambio climático.

Requírense solucións a longo prazo para combater a desertificación e a deforestación e preservar os hábitats terrestres, cuestións clave para garantir a subministración de alimentos e auga á poboación, así como para combater a contaminación atmosférica e evitar crises ambientais que produzan desprazamentos da poboación e inestabilidade política en multitude de países.

O obxectivo 15 pretende impulsar un uso sostible dos ecosistemas terrestres, principalmente a través da loita contra a deforestación e a degradación do solo, adoptar medidas para conservar a diversidade biolóxica, protexendo ás especies animais e vexetais ameazadas e combater a caza furtiva e o tráfico de especies protexidas.

Actuando. Que poden facer as empresas?

O sector privado xoga un papel protagonista para alcanzar este obxectivo, non impactando sobre ecosistemas e hábitats terrestres nas operacións da empresa, respectando a normativa ambiental dos países nos que opera e integrando a conservación da diversidade biolóxica na súa estratexia de negocio.

OBXECTIVO 16: PAZ, XUSTIZA E INSTITUCIÓNS SÓLIDAS

Para conseguir sociedades pacíficas e inclusivas que promovan o desenvolvemento sostible é preciso impulsar o estado de dereito no ámbito internacional. Isto significa promover sociedades baseadas na transparencia e no bo goberno, con institucións públicas transparentes e responsables, garantir o respecto aos dereitos humanos, con cidadanía que conte coas liberdades e condicións básicas para vivir en dignidade e contribuír á paz e á estabilidade, con escenarios onde as persoas poidan exercer os seus dereitos en igualdade e as institucións poidan desenvolver as súas funcións de xeito seguro.

O obxectivo 15 pretende promover o estado de dereito no plano nacional e internacional e garantir a igualdade de acceso á xustiza para todas as persoas, reducindo a corrupción e o suborno e creando institucións responsables e transparentes, acabar con todas as formas de violencia e delincuencia organizada, especialmente contra a infancia, impulsar o respecto dos dereitos humanos, fortalecer a participación dos países en desenvolvemento nas decisión globais e promover leis e políticas en favor do desenvolvemento sostible internacional.

Actuando. Que poden facer as empresas?

O sector privado ten un rol claro na consecución deste obxectivo, incorporando o respecto aos dereitos humanos e procesos de transparencia na organización, evitando calquera tipo de violencia a menores e outros grupos vulnerables na súa cadea de subministración e impulsando o estado de dereito naqueles países nos que opere.

OBXECTIVO 17: ALIANZAS PARA LOGRAR OS ODS

Para lograr os ODS é fundamental levar a cabo alianzas e colaboración entre os diferentes actores do planeta: gobernos, sector privado e sociedade civil. Estas alianzas deben construírse sobre os mesmos principios e valores e ter obxectivos comúns, achegando cada sector a súa experiencia para contribuír entre todos á consecución dos ODS.

O obxectivo 17 pretende fortalecer a alianza mundial para o desenvolvemento sostible, mobilizando e intercambiando coñecementos, capacidade técnica, tecnoloxía e recursos financeiros para alcanzar a axenda global en todos os países, en particular nos países en desenvolvemento, e promovendo alianzas nas esferas público, público-privada e da sociedade civil para contribuír conxuntamente ao desenvolvemento sostible.

Actuando. Que poden facer as empresas?

O sector privado ten un rol claro en relación á consecución deste obxectivo, levando a cabo alianzas co sector público, a sociedade civil, universidades e outras empresas para realizar proxectos que contribúan á consecución dos ODS, aliñando a nova axenda global cos obxectivos da compañía e investindo unha maior cantidade de recursos nos países en desenvolvemento. Por outro lado, recoñécese o expertise da empresa e a súa capacidade de innovación e de avance tecnolóxico como factores fundamentais.