As árbores teñen máis beneficios que os estéticos

No 2012, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas proclamou o 21 de marzo como Día Internacional dos Bosques. Mediante esta celebración réndese homenaxe á importancia de todos os tipos de bosques, intentando xerar conciencia ao respecto. Cada vez que se se celebra o Día Internacional dos Bosques, aléntase aos países a adoptar iniciativas no plano local, nacional e internacional para a organizar actividades relacionadas cos bosques e coas árbores, como por exemplo campañas de plantación de árbores.

Santiago é unha das cidades do Estado con máis zonas verdes por habitantes, e a cidadanía debe ser consciente de que as árbores teñen máis beneficios que os estéticos. Concienciar a veciñanza de cales son esas funcións será o obxectivo común de todas as actividades impulsadas con motivo do Día Internacional dos Bosques.

Nos últimos anos, desde o Concello de Santiago e en colaboración con outras entidades públicas ou privadas, leváronse a cabo numerosas actividades e accións encamiñadas a espertar a conciencia da cidadanía a respecto da importancia das árbores na contorna urbana así coma para dar a coñecer a diversidade de especies das que podemos gozar a veciñanza de Santiago.

ACTIVIDADES

Co motivo da celebración do Día Internacional dos Bosques, o Concello de Santiago vén promovendo a plantación de especies autóctonas por parte da cidadanía en diversas parcelas de titularidade municipal coa finalidade de concienciar da importancia das árbores nos espazos urbanos. Así, nos últimos anos e en colaboración cos centros escolares ou coa veciñanza, replantáronse predios como o das Lamas de Abade, da Pontepedriña ou o Monte  Viso.

Nos Centros Socioculturais desenvólvense cada ano actividades de homenaxe ás árbores, manualidades, rutas, plantación de sementes e transplante na contorna dos centros.

O CIAC (Centro de Interpretación Ambiental de Compostela) realiza numerosas actividades ao longo de todo o ano  como obradoiros sobre temática ambiental, rutas polos parques da cidade para coñecer a flora e a fauna, exposicións etc., coa finalidade de poñer en valor o patrimonio natural compstelán.

Pola súa banda o CIPX (Centro de Interpretación de Parques e Xardíns) da empresa concesionaria do mantemento de parques e xardíns e en estreita colaboración co Concello, puxo en marcha un plan de sensibilización ambiental sobre a árbore urbana dirixido ao alumnado de educación primaria.

Así mesmo, en colaboración co Museo de Historia Natural da Universidade de Santiago, realízanse diversas actividades dirixidas aos escolares e á cidadanía xeral para dar a coñecer o patrimonio arbóreo e de bosques do municipio e as súas ventaxes como fonte de enerxía renovable, como refrixerante natural da temperatura ambiental ou como fonte de humidade.