Servizo que se centra na promoción económica da cidade, o emprendemento e o impulso da actividade comercial local

PROMOCIÓN ECONÓMICA

A promoción económica da cidade enténdese como o resultado dun modelo de cidade que se pretende construír e dunha imaxe de cidade que se quere transmitir, apostando por un modelo de desenvolvemento local endóxeno, cooperativo e asentado na identidade e na historia do territorio. Trabállase pola dinamización económica dos barrios e do rural.

O emprendemento é outra das liñas de acción desta área, fomentando a formación e creando as condicións axeitadas para o nacemento de proxectos colectivos, cooperativos e competitivos. Nesta dirección, facilítase información e asesoramento a todas as persoas que desexen crear unha empresa, en relación a: axudas e subvencións, formas xurídicas máis axeitadas, trámites de constitución, aspectos fiscais e de seguridade social, desenvólvese um programa de incentivos para a creación de empresas innovadoras, xestiónanse iniciativas locais de emprego e recóllese e facilítase información sobre programas europeos de interese no seu ámbito de actuación.

En materia de comercio, promóvese e apóiase o comercio de barrio, fomentando o asentamento de empresas de servizos, a creación de cooperativas e a difusión de produtos turísticos na zona rural. Impúlsase a actividade comercial, suxerindo iniciativas comerciais innovadoras e alternativas para o comercio tradicional, a través de proxectos colectivos e coordinando as campañas de dinamización comercial coas campañas turísticas, culturais e de festividades da cidade.

Neste servizo impúlsanse actuacións para mellorar a oferta comercial de Santiago e para promocionar o comercio como elemento vertebrador da vida social e económica da cidade, a través de políticas activas de apoio ao comercio, de impulso do asociacionismo comercial, do aumento da súa competitividade e de mellora do contexto urbano.