Itinerario fluvial polo río Sarela

O proxecto Sendeiros de Compostela ten coma obxectivo unir o sendeiro fluvial do río Sarela co sendeiro do río Sar para dispor dun grande itinerario verde no centro da cidade.

O itinerario fluvial De ponte a ponte polo río Sarela culminouse no ano 2008, despois duns traballos de acondicionamento que se prolongaron por máis de sete anos. Parte deles correron a cargo dun obradoiro de emprego.

A ruta ten unha extensión de 7,5 km, desde Vidán ata A Peregrina, e está dividido en nove etapas, unha por cada ponte que atravesa o Sarela. Tras o seu acondicionamento e divulgación, o itinerario fluvial quedou abandonado e un convenio asinado polo Concello de Santiago e o Consorcio en agosto de 2017 permitiu actuar nun tramo de 3,8 km nas marxes do río Sarela (dende Figueiriñas ata A Pontepedriña de Arriba) consolidando o paseo fluvial e a ruta de sendeirismo existente, restaurando o pavimento e tamén as pontes deste treito.

Pola súa banda, os traballos de realización do itinerario fluvial do río Sar correron tamén a cargo de obradoiros de emprego (Ecotur Xuvenil). Este camiño transcorre dende o multiusos do Sar ata a ponte da fervenza en Conxo.

O último tramo, que unirá ambos os dous sendeiros, realizarase a través da iniciativa urbana sostible de patrimonio natural e emprego no marco do Proxecto Revive Edusi.