
Compostela máis igualitaria e xusta, amigable para as persoas maiores, integradora das diversidades, saudable, socialmente responsable, solidaria e con servizos accesibles para todas as persoas
O Concello aposta por políticas sociais e de saúde públicas, universais, de calidade, integrais e solidarias, priorizando os programas de prevención, promoción e desenvolvemento da autonomía persoal e saúde.
Promove políticas de integración e normalización dos dereitos de todas as persoas. Tratase de que todas as persoas que vivan, traballen ou se acheguen a Compostela poidan desfrutar de todos os recursos e servizos que lle permitan levar unha vida digna. Así, canalízanse os medios e recursos suficientes para facilitar que as condicións de vida (ingresos, vivenda, servizos básicos, servizos educativos e de saúde…) sexan equiparables ás do cidadán medio e cidadá media e permitan o maior desenvolvemento das capacidades e competencias persoais.
Entre as súas funcións está tamén a coordinación e corresponsabilidade política e técnica na loita contra todas as formas de exclusión e discriminación, implicando a todas as áreas municipais, concellos limítrofes, outras institucións públicas e as ONG´s implicadas na loita contra a pobreza e exclusión en Santiago de Compostela.
Neste labor integrador, impúlsanse diversos programas dirixidos a colectivos en risco de exclusión social:
- Programa de desenvolvemento integral do colectivo xitano, a través da intervención social, educativa e do traballo en rede coas organizacións sociais, co obxectivo de fomentar a igualdade de oportunidades como eixe favorecedor de inclusión social. Este programa presenta actuacións específicas de inclusión con esta comunidade vertebradas a partir de tres eixos: fomento da participación e da convivencia social (vivenda e saúde); fomento da calidade dos procesos escolares (educación e acceso a servizos normalizados) e fomento da igualdade de oportunidades (participación social, inserción e emprego).
- Programa local de inclusión social, cuxo obxectivo é a promoción da inserción social e laboral das persoas pertencentes a colectivos en riscos de exclusión. O programa artéllase sobre a elaboración de itinerarios integrais de inserción sociolaboral que inclúen o desenvolvemento de estratexias individuais no proceso de incorporación ao mercado laboral.
- Programa de inclusión de menores a cargo, co obxectivo de promover a adquisición por parte das familias de competencias e habilidades para o correcto desenvolvemento das funcións parentais e educativas, fomentando a educación en igualdade e a corresponsabilidade, favorecendo a integración, promoción e participación das familias ou unidades de convivencia en todos os ámbitos da vida comunitaria, previndo as situacións que provoquen vulnerabilidade ou risco social ás familias, ou a algún dos seus membros, con especial atención aos menores, e apoiando ás unidades familiares que, por escaseza de recursos económicos, non poden facer fronte a gastos relacionados cos menores (comedor escolar, material escolar, actividades de ocio e tempo libre…).
- Programa de vivenda. Trátase dun servizo socioeducativo de prevención e apoio personalizado, dirixido a unidades familiares e persoas en situación de risco de exclusión que se configura como unha medida de marcado carácter social, cunha dobre finalidade: facilitar o acceso a unha vivenda aos sectores de poboación que se atopa en situación de vulnerabilidade social e promover o mantemento da vivenda en óptimas condicións de habitabilidade. Santiago leva apostando durante os últimos anos polo modelo housing first (a vivenda, primeiro), que entende que a inserción social pasa pola existencia dun recurso habitacional onde estas persoas poidan vivir temporalmente de forma autónoma axudadas por profesionais. Trátase dun modelo innovador e pioneiro en Galicia que se está a levar a cabo noutras cidades europeas. Deste xeito, son menos vulnerables ante outros problemas que padecen relacionados, por exemplo, coas adiccións.
Así mesmo, dende a concellería de política social, prestánse servizos:
- Servizo de axuda no fogar: co obxectivo de mellorar a calidade de vida das persoas, potenciando a súa autonomía e unhas condicións axeitadas de convivencia no seu propio domicilio
- Programa de inclusión sociolaboral: promove e potencia a rede de inserción sociolaboral da que forman parte entidades da cidade que traballan en inserción laboral e social de colectivos en risco de exclusión social e que a través da iniciativa “Compostela integra” contan cun espazo virtual permanente de intercambio de información que permite compartir inquedanzas, proxectos, recursos e actividades.
- Servizo de intervención socioeducativa: servizo educativo e psicosocial de prevención e apoio personalizado, dirixido ás familias con menores –especialmente a aquelas que se atopen nunha situación de vulnerabilidade- e a toda a comunidade. Ten coma finalidade a promoción da autonomía familiar, o desenvolvemento integral das súas potencialidades e a súa participación activa como protagonistas do seu cambio.
- Tarxeta de bonificación do transporte urbano.
Ademais, o Concello de Santiago baixo o lema “Compostela Ma+s” conta cunha ordenanza de garantía básica cidadá, a través da cal se pretende dar cobertura económica e social á falta temporal de ingresos, en especial por ausencia dun emprego estable e digno ou polo esgotamento da prestación por situación de desemprego, mantendo un mínimo nivel de ingresos que permita cubrir as necesidades básicas da cidadanía. Así, establécense dous tipos de prestacións:
- A renda municipal de garantía básica cidadá: unha prestación económica, extraordinaria, temporal e vinculada a un itinerario de inclusión cidadá, prevista para persoas en situación de vulnerabilidade, risco ou exclusión social.
- As prestacións de rescate social: un conxunto de prestacións económicas de carácter extraordinario e puntual destinadas a atender situacións de urxencia que afecten a persoas ou unidades de convivencia que non poidan facer fronte á súa cobertura (prestacións para a cobertura de necesidades básicas, prestacións para a habitabilidade e pobreza enerxética, e equipamento básico de vivenda, prestacións complementarias á dependencia e/ou discapacidade, prestacións para outros gastos excepcionais, prestacións de fomento do dereito á educación para estudos postobrigatorios, prestacións para saúde bucodental).
Máis info en: http://mais.social.santiagodecompostela.gal/
PDF 2: Compostela Mais Guía
UAMI
A Unidade de Atención ás Migracións é a oficina municipal encargada da acollida inicial ás persoas migrantes e retornadas. Xestiona e informa sobre un conxunto de actuacións que inclúen axudas, subvencións, bolsas de estudos, actividades e programas dirixidas á cidadanía. Esta Unidade é froito dun convenio de colaboración asinado entre a Secretaría Xeral de Emigración da Xunta de Galicia e o Concello de Santiago.
- Desenvolve, principalmente, as seguintes actuacións para emigrantes retornados e inmigrantes:
- Ofrece información sobre a situación xurídica e os trámites administrativos que deben realizar.
- Asesora na tramitación de permisos de residencia, traballo, visados, adquisición de nacionalidade, reagrupamento familiar, prestacións sociais, educativas ou sanitarias a que teñan dereito.
- Facilita todo tipo de información sobre programas formativos e de orientación laboral e outras axudas que poidan facilitar a súa inserción no mercado laboral.
- Informa sobre trámites aos emigrantes retornados, así como das axudas extraordinarias para este colectivo e tamén das axudas para o retorno voluntario de persoas inmigrantes.
- Promove a incorporación das persoas inmigrantes ás redes sociais e á vida comunitaria, incluso por medio de intervencións individuais e familiares.
- Orienta e deriva aos servicios correspondentes para a tramitación de recursos sociais.
- Desenvolve programas que promoven a integración das persoas inmigrantes na nosa sociedade e fomentan os valores de tolerancia, respecto á diferenza e convivencia intercultural.
Máis información en: http://umad.santiagodecompostela.gal/
Convenios de colaboración con entidades de iniciativa social
O Concello de Santiago de Compostela apoia o desenvolvemento de actuacións solidarias por entidades de iniciativa social, sempre que se axusten aos requisitos de autorización, calidade e complementariedade para o fomento da cooperación e solidariedade social, que faciliten a participación comunitaria en tarefas colectivas, impulsen o asociacionismo solidario e, en especial, a organización e coordinación do voluntariado social.
Así, desenvolve programas e promove a estabilidade de servizos, mediante a concesión de subvencións nominativas a entidades que traballan para a inclusión social, conforme ao principio de coordinación coa iniciativa privada concertada e as organizacións sen animo de lucro do territorio. Esta colaboración concretase na sinatura de convenios de colaboración con estas entidades.
Casa das Asociacións de Benestar Social – CABES
É un equipamento público do Concello de Santiago de Compostela adscrito a Servizos Sociais e configúrase como un centro municipal de xestión directa que proporciona os recursos e servizos necesarios para impulsar a participación social, fomentar o asociacionismo e a coordinación interasociativa, co fin de acadar un maior nivel de benestar social.
Consello Sectorial de Familia, Benestar Social e Igualdade do Concello de Santiago De Compostela
Ten natureza de órgano colexiado, de carácter consultivo e de asesoramento aos diferentes órganos do Concello, no relativo o ámbito dá familia, benestar social, igualdade e emprego.
O Consello ten por finalidade:
- Canalizar a participación da cidadanía a través das entidades, organizacións e institucións máis representativas nos sectores de actuación da Concellería de Familia, Benestar Social, Muller e Emprego.
- Promover e facilitar o intercambio e a posta en común co obxecto de propoñer solucións perante as novas necesidades xurdidas nestes ámbitos de actuación.
- Promover o carácter integral das políticas nestas áreas de actuación e facilitar a súa coordinación e transversalidade.