Santiago accesible, inclusivo e patrimonial para un desenvolvemento urbano integrado e sustentable que atendan aos ámbitos sociais, económicos e ambientais da cidade

Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sustentable e Integrado (EDUSI) cofinanciado polo FEDER no marco do Programa Operativo de Crecemento Sustentable (POCS), enmárcase na Estratexia Europea 2020 e concretamente no Eixo 12: Desenvolvemento urbano integrado e sustentable do POCS, que trata de crear as condicións propicias para un crecemento distinto, máis intelixente, sustentable e integrador.

Por medio dos recursos FEDER póñense en marcha medidas dirixidas ao desenvolvemento urbano integrado e sustentable que atendan aos ámbitos sociais, económicos e ambientais da cidade, porque estas son primordiais dentro do modelo de crecemento sustentable. A EDUSI formulouse a partir da identificación dos problemas e dos retos urbanos de Compostela desde o punto de vista económico, ambiental, demográfico, climático e social. A partir dunha análise global e integrada do territorio chegouse a unha serie de conclusións que permitiron facer un diagnóstico da situación.

As prioridades de actuación derivadas desa análise foron contrastadas coa cidadanía e a partir de aí deseñáronse os tres VECTORES ESTRATÉXICOS que determinan os obxectivos a alcanzar a longo prazo:

SANTIAGO ACCESIBLE

Unha aposta pola mobilidade sostible e por un concepto amplo de accesibilidade universal que chegue a servizos e dotacións. Esta actuación quere favorecer o paso a unha economía baixa en carbono en todos os sectores. Porque as cidades son para as persoas e non para o coches, temos que repensar Compostela. Esta área de actuación configúrase como un plan de accesibilidade universal para mellorar a calidade de vida da veciñanza e rexenerar os espacios urbanos en favor das persoas; centrándose no transporte público, a mobilidade peonil e a mobilidade ciclista, ademais de revisar e actualizar o Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS). Parte dos fondos de Santiago accesible destinaranse ó estudio da reordenación de espacios como O Restollal, O Cruceiro da Coruña, Rodríguez de Viguri e a Avenida Xoan XXIII.

SANTIAGO INCLUSIVO

Accións para a posta en valor dos barrios e asentamentos de poboación “non centrais”, en todos os sentidos, para derivar na cidade policéntrica, a cidade vivida, a cidade dos barrios. Céntrase en actuacións nos barrios, con colectivos desfavorecidos e a igualdade de xénero. Preténdese mellorar a calidade de vida da veciñanza e rexenerar Compostela mediante accións de dinamización económica dos barrios e campañas de fomento do pequeno comercio local. Crear infraestruturas para atención integral a colectivos moi desfavorecidos, nos que se realizarán procesos de inclusión social. E no eido da igualdade de xénero, dotarase ao concello dun Plan Integral de Igualdade para repensar Compostela en clave de xénero. Ademais reforzaranse as campañas de sensibilización e o traballo en rede.

SANTIAGO PATRIMONIAL

Para poñer en valor o binomio patrimonio natural-cultural. Cada estratexia desenvolverá diferentes accións.Pretende unha Compostela patrimonial que mire máis aló do entorno da Catedral e nos axude a repensar a nosa historia a través de actuacións como o acondicionamento das sendas peonís do río Sar e da contorna do Sarela, a recuperación dos elementos etnográficos vinculados aos ríos e posta en valor do Castelo da Rocha.

A estas actuacións súmase a rehabilitación enerxética de edificios de titularidade municipal. A operación consistirá na rehabiltiación enerxética e a implantación de enerxías renovables en edificios de titularidade municipal, así como en evitar un consumo desproporcionado de consumo enerxético e o aumento innecesario de emisións de CO2.