Unha iniciativa da OMS para responder ás necesidades contemporáneas do envellecemento demográfico

Santiago Cidade Amigable coas persoas maiores

En 2016, a Corporación municipal acordou a adhesión de Santiago á Rede Mundial de Cidades Amigables coas Persoas Maiores (Age Friendly Cities-AFC), unha iniciativa da OMS para responder ás tendencias contemporáneas do envellecemento demográfico e ao proceso de urbanización, e á que xa se sumaron máis de 60 municipios de España. Este proxecto pon no centro a participación das persoas maiores ao longo de todo o proceso de análise e mellora do municipio.

Esta adhesión supuxo realizar un estudo da cidade para detectar que aspectos son amigables coas persoas maiores, cales son as barreiras e problemas que presenta e cales son as posibilidades de mellora. En 2017, a empresa ReTnova encargada polo concello deste estudo, mediante un proceso participativo, organizou diferentes grupos focais con persoas maiores para coñecer a súa situación desde unha perspectiva integral co obxectivo de deseñar as directrices básicas que orienten a acción municipal para facer de Santiago unha cidade amigable coas persoas maiores. Este estudo, cuantitativo e cualitativo, presentado en 2018, elaborouse baixo as directrices do protocolo de Vancouver.

Algúns resultados do estudo diagnóstico sobre a situación das persoas maiores en Santiago de Compostela

Segundo o estudo, ao redor do  27% da poboación do concello son maiores de 60 anos, case o 20% do total da poboación que supera os 65 anos vive soa e en 5.907 fogares todos os membros teñen máis de 65 anos. A investigación destaca unha marcada diferenza entre os habitantes do rural e os das zonas urbanas en canto ao acceso a recursos e servizos. As persoas maiores do rural opinan que o transporte público ten que mellorar para permitirlles o acceso á cidade e facilitarlles o aproveitamento da oferta sociocultural e demais servizos. Outra demanda do colectivo de maiores é a supresión de barreiras arquitectónicas. tanto en ámbitos públicos como privados. Con respecto ao servizo de residencias, todas as persoas consultadas coinciden en que as prazas son insuficientes e que o tempo de espera é longo, cuestionando tamén o alto custo deste servizo, en moitos casos inasumible. Os aspectos mellor valorados polos maiores son as áreas verdes, o servizo de axuda no fogar, a teleasistencia e a inclusión na súa contorna grazas á rede de centros civicos e sociocultuais do concello.

Algunhas medidas para dar resposta a estas demandas xa están en marcha. Como o bono taxi, un servizo de taxi para persoas que viven lonxe do casco urbano. Está prevista a realización dun estudo previo para elaborar un plan de mobilidade que dea resposta ás demandas de toda a cidadanía. En canto á eliminación de barreiras, hai habilitadas axudas para adaptar os edificios privados instalando ascensores ou ramplas. No capítulo que fai referencia ao déficit de prazas de residencia, o Concello asinou coa Xunta de Galicia un convenio de cesión do solo para construír unha residencia que pode estar en funcionamento en 2021.