Un espazo aberto á participación ambiental da cidadanía

Dende o ano 2015, o Concello de Santiago leva a cabo diversos labores de protección do medio natural con traballos específicos de conservación e recuperación de espazos con alto valor ecolóxico e paisaxístico e buscando compatibilizar este propósito co uso racional deste espazos por parte da cidadanía.

Entre as actividades que se levan a cabo destacan:

  • Control e eliminación de vexetación alóctona (retirada de especies vexetais exóticas).
  • Diminución do risco de incendio, que comprende traballos de poda, roza e eliminación de necromasa.
  • Recuperación e conservación de especies autóctonas, mediante repoboacións e plantacións.
  • Adecuación ao uso público do medio natural, realizando traballos destinados á colocación de sinalización e carteis informativos, pasarelas, valados e pérgolas ou recuperación de camiños e sendas.

A respecto dos espazos naturais onde se realizaron estas intervencións, cabe salientar o acondicionamento das Brañas do Sar, o acondicionamento do río Sar e a construción de sendas peonís no treito comprendido entre As Fontiñas e a Ponte da Fervenza en Conxo,  a recuperación da Lagoa de Cornes, a repoboación de Pedra Castro ou a plantación do monte Viso.

Polo que se refire á recuperación do espazo natural do río Sar e das Brañas,  entre os anos 2015 e 2018 leváronse a cabo traballos de poda, roza, eliminación de vexetación alóctona, repoboación con especies autóctonas, construción de sendas peonís, recuperación do patrimonio cultural e etnográfico etc., realizados polos mozos e mozas menores de 30 anos dos obradoiros de emprego de garantía xuvenil “Ecotur Xuvenil”  (3 edicións). Así mesmo, instaláronse paneis informativos para poñer en valor a riqueza deste espazo natural.

Está previsto continuar con estes labores de recuperación do espazo natural do río Sar  nos treitos comprendidos entre A Rocha e Vidán e Viso-San Lázaro, a través da iniciativa urbana sostible de patrimonio natural e emprego, que ten como obxectivo a contratación de persoas desempregadas para mellorar a súa formación e capacitación ao tempo que realizan obras de interese social e natural que contribúan á rexeneración do municipio.

O parque forestal de Pedra Castro mediante a repoboación con especies autóctonas e a eliminación das alóctonas, así coma a recuperación dos camiños existentes e a apertura de novos, pretende recuperar para as futuras xeracións un espazo de gran valor, repoboando a masa forestal e permitindo a protección e restauración do medio natural.

No caso do monte Viso recupérase a cuberta arbórea e auméntase a diversidade vexetal mediante a repoboación coa finalidade de acelerar a evolución natural da vexetación e fomentar a biodiversidade así coma reducir a tensión hídrica.