Entre 2014 e 2018 a recollida de aceite usado aumentou un 265%

Recollida de aceite usado

Un litro de aceite usado pode contaminar mil litros de auga, ao que habería que sumar os problemas que o aceite causa na rede de saneamento e os sobrecustos que pode supoñer para a as estacións depuradoras de augas residuais. Este tipo de residuos pode ser reciclado, por exemplo, para a produción de biodiesel.

O Concello de Santiago de Compostela e a empresa Compostela Inserta EiL, SL colaboran para a recollida e reciclaxe deste residuo con moi bos resultados. O concello ten repartido colectores de cor vermella por boa parte dos centros socioculturais e centros cívicos do termo municipal para que se deposite o aceite usado. A empresa Compostela Inserta encárgase da recollida. Grazas a esta colaboración, o ano 2019 pechouse cun total de 3.647 litros de aceite retirados, o que supuxo un notable incremento con respecto a 2017 cando se recolleron 2.880 litros. Entre 2014 e 2018 o aumento da recollida foi do 265%.

A estes datos específicos de recollida a través dos centros socioculturais habería que sumar o que se recolle nos locais de hostalería e o que a cidadanía leva directamente aos punto limpos.

Ademais, en colaboración co Concello, Compostela Inserta leva a cabo campañas educativas de sensibilización mediambiental nos colexios, para facer ver aos escolares a importancia da reciclaxe do aceite e as consecuencias mediambientais de non facelo. Estas campañas van dirixidas a alumnado de primaria, ESO, bacharelato e formación profesional.

Con esta colaboración, o Concello promove a inserción laboral de colectivos en risco de exclusión que traballan na empresa inserción que se encarga da recollida.