Organismo de colaboración institucional para a preservación e revitalización do patrimonio da cidade de Santiago

REAL PADROADO DA CIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

En 1991 nace o Real Padroado da Cidade de Santiago de Compostela, reformulación dun organismo similar que xa existía desde 1964. O Real Padroado ten a súa sede en Santiago de Compostela e está adscrito administrativamente ao Ministerio de Facenda. A presidencia de honra corresponde ao rei de España e a presidencia ao presidente do Goberno. Son tamén membros os ministros ou ministras de Cultura e Deportes, Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación, Fomento, Economía e Empresa, Facenda, o presidente da Xunta de Galicia, o delegado do Goberno en Galicia, o arcebispo de Santiago, o reitor da Universidade de Santiago e o alcalde de Santiago de Compostela.

O Real Padroado ten como obxectivo impulsar e coordinar todas aquelas accións que deban realizar en Santiago de Compostela as administracións e entidades que o compoñen, dirixidas á preservación e revitalización do patrimonio cultural representado na cidade de Santiago, nos seus aspectos histórico-artísticos e arquitectónicos, á difusión dos valores europeístas e ao desenvolvemento e potenciación das actividades turísticas e culturais vinculadas ao itinerario xacobeo.

Para conseguir estes obxectivos, o Real Padroado promove a execución de obras, servizos e instalacións en xeral, a construción e establecemento de medios adecuados de transportes e comunicación urbanos e interurbanos, así como a promoción de  iniciativas e proxectos culturais dirixidos á potenciación da cidade de Compostela na súa condición de lugar de encontro europeo.