Diminuír a contaminación para mellorar a calidade do aire que respiramos

Proxecto TRAFAIR

A contaminación do aire provoca 400.000 mortes cada ano, converténdose na primeira causa ambiental de morte prematura en Europa. En España prodúcense aproximadamente 10.000 mortes ao ano por esta causa, unha cifra que supera, por exemplo, os falecementos en accidentes de tráfico, que ascenderon en 2019 a 1.700 persoas. Uns datos que fan necesario tomar medidas para paliar os efectos sobre a saúde da cidadanía.

Nesta liña, o Concello de Santiago de Compostela pon en marcha o Proxecto TRAFAIR (Understanding Traffic Flows to Improve Air Quality), un proxecto europeo no que participan o Concello de Santiago de Compostela, o CESGA (Centro de Supercomputación de Galicia) e a USC (Universidade de Santiago de Compostela), xunto a outros seis socios comunitarios.

O seu obxectivo é estudiar a calidade do aire en función das condicións climáticas e do tráfico rodado. Nunha primeira fase recolleronse datos sobre densidade de tráfico e dispersión de contaminantes atmosféricos para logo determinar a colocación dunha rede de sensores. Como resultado do estudo previo,  instalaranse 10 sensores en diferentes puntos da cidade, como Virxe da Cerca, praza Roxa, praza de Galicia, ou avenida de Lugo. Os resultados que se acaden permitirán ter datos para cuantificar a polución no aire e o xeito en que se distribúe pola cidade e adoptar as medidas necesarias para diminuír o seu impacto.

A obtención e análise deses datos tamén permitirán o desenvolvemento de aplicacións móbiles que poderán ser descargables pola cidadanía que deste xeito poderá tomar conciencia desta problemática.