Primeira EDAR de Europa en contar co sistema BioActiflo

O proxecto de ampliación da EDAR da Silvouta supón un importante paso adiante no que se refire a novas tecnoloxías aplicadas ao tratamento de augas residuais. Esta estación depuradora de augas residuais, construída en 1982 e ampliada en 1992, atende a cidade de Santiago e, actualmente, opera ao bordo da súa capacidade, incluso en tempo seco, afectando a calidade da auga do río Sar.

Para atopar a mellor solución técnica que se axuste máis ás necesidades dun tratamento eficiente das augas residuais de Santiago de Compostela, o Concello puxo en marcha un proceso, innovador pola súa tramitación mediante o procedemento de diálogo competitivo, que permita resolver mellor os problemas de capacidade da actual EDAR e acadar os requirimentos de vertido ao río Sar esixidos pola normativa vixente. Con este proceso innovador preténdese  atopar a solución técnica que máis se axuste ás necesidades do proxecto, que no caso da ampliación da EDAR da Silvouta son:

  • Utilización de tecnoloxías que permitan adaptarse ao mínimo espazo dispoñible.
  • Mantemento da calidade de depuración actual durante a execución das obras.
  • Cumprir coas bases do concurso que son asegurar a calidade do vertido, a eficiencia enerxética, o tratamento de olores e ruído, a aplicación de solucións arquitectónicas funcioanais, a fiabilidade e a flexibilidade da operación e o compromiso de execución nun prazo reducido.

Implantación do sistema BioActiflo

Paralelamente a este proceso de tramitación, a cidade de Santiago de Compostela dá un paso importante no que se refire ás novas tecnoloxías aplicadas ao tratamento de augas residuais. Debido ás importantes limitacións que presenta a EDAR, tanto na súa capacidade de tratamento como no espazo físico dispoñible, o Concello decide implantar o proceso BioActiflo, un sistema pioneiro no tratamento da auga de tormentas que por primeira vez se implanta en Europa.

O sistema BioActiflo garante a melloría no efluente final mentres se amplia a nova EDAR, xa que permite eliminar materia orgánica en maior medida que o tradicional sistema de tratamento físico-químico que se viña utilizando. Este sistema non só aumenta a capacidade de tratamento desta instalación –ten unha capacidade de tratamento de 20.065 metros cúbicos ao día- tamén supón unha importante mellora no que a protección do medio ambiente se refire.

Consulta o PLAN COMPLETO EN PDF

PDF. 6. EDAR Silvouta