Programas de fomento da empregabilidade realizados en colaboración co Servizo Público de Emprego autonómico e estatal

DEPARTAMENTO DE EMPREGO: PROGRAMAS DE FORMACIÓN E EMPREGO


Obradoiros de garantía xuvenil (2015-2020) e outros obradoiros de emprego:

Programa dirixido a persoas mozas desempregadas de 18 a 30 anos, no caso de garantía xuvenil, e outros dirixidos a persoas desempregadas de calquera idade, que combinan formación e traballo para realizar obras de interese social no ámbito local: apertura de sendas peonís e recuperación das marxes do río Sar, rehabilitación de escolas unitarias para usos sociais (Centro de Interpretación da Arte Rupestre en Villestro e centros BTT da Susana e Amio), repoboacións forestais de parcelas de titularidade municipal (Pedra Castro en Santa Cristina de Fecha, monte Viso). As persoas participantes fórmanse nun certificado de profesionalidade ao tempo que adquiren experiencia profesional nesa especialidade.

Programas integrados de emprego

Están cofinanciados con fondos europeos e xestionados pola Xunta de Galicia. Van dirixido a mellorar a ocupabilidade e a inserción laboral das persoas en situación de desemprego.

  • Integrado VI. Participaron 299 mulleres, preferentemente beneficiarias do sistema de garantía xuvenil. Leváronse a cabo 10 accións formativas  que supuxeron un total de 757 horas de formación. Nas dúas accións de formación vinculadas á obtención do certificado de profesionalidade que se realizaron (confección de páxinas web e mercadotecnia e comercio internacional) todas as alumnas tiveron prácticas profesionais non laborais. Do total de usuarias do programa atoparon emprego 65.
  • Santiago E-com. Participaron 226 mulleres, preferentemente beneficiarias do sistema de garantía xuvenil. Organizáronse 15 accións formativas, delas 4 itinerarios formativos (actividades auxiliares de almacén, recepción en aloxamentos, mercadotectnia e compravenda internacional e confección de páxinas web) con prácticas non laborais en empresas, paralelamente a estes itinerarios formativos programáronse obradoiros de busca de emprego, manipulación de alimentos e informática básica, sumando un total de 1.395 horas de formación.

Programas operativos de emprego xuvenil

Este programa está cofinanciado con fondos europeos e xestionado polo Goberno de España. Nos últimos anos é o principal instrumento para favorecer a inserción no mercado laboral. Inclúe un itinerario personalizado con medidas de formación, cualificación, fomento da contratación e autoemprego.

O plan «Ponte en marcha 2017-2020» agrupa os programas operativos que organiza o Departamento de Emprego:

  • Mocidade con emprego (2017-2019). Un pan xuvenil de integración profesional que procura a  mellora da empregabilidade a través de itinerarios formativos profesionais dirixidos á mocidade local (de 16 a 30 anos) ata o nivel de bacharelato. Colectivos prioritarios: mulleres, persoas con diversidade funcional, migrantes e poboación xitana. Participaron 192 persoas desempregadas en 19 accións formativas vinculadas a certificados de profesionalidade.
  • Plan xuvenil Impulsa (2018-2019). Programa de formación (5 itinerarios) e mellora da empregabilidade no sector das TIC dirixido a persoas mozas de 16 a 30 anos inscritas no programa de garantía xuvenil. Organízanse 5 actividades formativas vinculadas a certificados de profesionalidade, nas que participan 53 persoas e se insertan no mercado laboral un total de 24.