Recollida de envases lixeiros en locais de hostalería

Porta a porta

O obxectivo do servizo Porta a Porta, no que colaboran Ecovidrio e o Concello de Santiago, é facilitar a recollida selectiva e aumentar a reciclaxe do vidro, o que proporciona un importante beneficio para o medio ambiente e ingresos non despreciables para as arcas municipais. Segundo Ecovidrio, en Galicia os establecementos de hostalería xeran o 50% do total dos residuos de vidro.

Como paso previo á posta en marcha deste servizo, totalmente gratuíto, realizouse unha enquisa no sector da hostalería para coñecer as súas necesidades. A campaña ponse en marcha cando Ecovidrio reparte 280 colectores nos locais adheridos ao servizo porta a porta. Despois, operarios dunha empresa contratada para este fin encárganse de retirar o vidro coa frecuencia que mellor se adapta ás necesidades de cada local e con rutas segundo o tipo de actividade de cada establecemento. O proxecto inclúe un premio mensual en cada campaña para os establecementos que demostren unha participación máis activa.

Nas diferentes campañas chegaron a participar máis de 221 establecementos da zona vella e 200 da zona do Ensanche. Grazas a esta iniciativa incrementouse nun 32% a recollida de vidro ata superar as 1.900 toneladas en 2017.

Reciclado de vidro en Santiago

Segundo os datos facilitados por Ecovidrio, en 2016 recicláronse en Santiago 1.560.000 quilogramos de envases de vidro. Iso supón que cada veciño ou veciña reciclou case 16,3 quilos de vidro, que equivalen a 62 envases por persoa. No conxunto do municipio contamos con 366 colector para a recollida selectiva de vidro, cifra que supón un colector por cada 262 habitantes. Ecovidrio sinala que a media de quilogramos reciclados en Santiago por habitante supera a media galega e española, con 16 kg máis por habitante, e que a posta en marcha do servizo de recollida porta a porta supuxo un incremento na reciclaxe dun 29% no concello de Santiago.