Este Plan coloca Santiago de Compostela na vangarda da prestación de servizos sociais dirixidos a persoas sen fogar

Plan municipal de atención integral ás persoas en situación de senfogarismo de Santiago

En 2019 o Consello Municipal de Saúde aprobou o Plan municipal de atención integral ás persoas en situación de senfogarismo de Santiago. Este documento supón o primeiro plan destas características elaborado por unha administración local de Galicia para fixar formalmente unha folla de ruta na prevención e abordaxe das diferentes situacións e circunstancias que condicionan a aparición ou o mantemento do senfogarismo.

Participación cidadá. Os elementos esenciais do plan foron acordados, comunicados e traballados co conxunto de entidades implicadas na atención e prestación de servizos ás persoas en situación de senfogarismo. Este documento recolle o encargo da Estratexia nacional integral para as persoas sen fogar 2015-2020 e permitirá abordar de maneira integral a situación de senfogarismo na cidade, completando as accións que se veñen desenvolvendo nos últimos anos como os pisos de saída seguindo o modelo housing first ou os equipos de rúa que se manteñen con convenios con Feafes e Cruz Vermella.

A clave deste plan está en construír unha cimentación, o máis sólida posible, para que nos vindeiros anos se mellore a abordaxe e prevención do senfogarismo. Tal e como recolle o documento aprobado onte, «a presenza e finalización do plan coloca a capital de Galicia na vangarda da prestación de servizos sociais dirixidos a persoas sen fogar».

O futuro Centro de Atención Integral como parte da estratexia

O Centro de Atención Integral estará chamado a ser o que lidere e coordine a abordaxe do senfogarismo en Compostela. Está dirixido a persoas maiores de idade e proporcionará servizos de atención ás necesidades básicas (hixiene, alimentación, descanso, empadroamento e canceira, entre outros) e de acompañamento psicosocial, ademais de programas específicos (ocupacional e formativo, de xestión do tempo libre, de participación social…)

Tamén se propón levar a cabo un estudo específico sobre a muller en situación de senfogarismo en Santiago, atendendo especialmente os seguintes puntos: violencia exercida contra as mulleres sen fogar, presenza das mulleres en cada unha das trece categorías operacionais ETHOS e relación entre violencia de xénero e situación de vivenda insegura.