Sustentabilidade turística social, económica e ambiental

O Plan estratéxico de turismo de Santiago de Compostela (PET) é unha ferramenta de xestión de gran valor para Turismo de Santiago-Incolsa, que constitúe unha folla de ruta de cara ao desenvolvemento turístico sustentable da cidade.

Para a súa elaboración implicouse a participación pública mediante a organización de seis comisións de traballo, oito entrevistas en profundidade e enquisas que permitiron enriquecer a diagnose e amosar o estado actual do destino turístico da nosa cidade, e que achegaron o coñecemento, a experiencia, a percepción, as necesidades e as propostas de todos os axentes sociais relevantes na realidade do sector turístico compostelán.

En xeral, a cidade presenta unha serie de problemáticas propias dun destino consolidado e con gran capacidade de atracción de visitantes, como son:

  • Unha acusada masificación en lugares reducidos e con alta fraxilidade patrimonial sendo necesario establecer medidas de control e ordenación de fluxos.
  • Risco de diminución do nivel de calidade da experiencia turística durante os picos de asistencia. Apúntase, tamén, cara a un empobrecemento da experiencia do peregrino.
  • Incermento da especulación coa vivenda e locais comerciais que se destinan a usos turísticos e non residenciais.

Na procura de solucións a esta problemática, elabórase o PET que se fundamenta en cinco principios xerais:

  1. Sustentabilidade social, económica e medioambiental.
  2. Optimización da gobernanza do turismo santiagués.
  3. Descentralización dos fluxos turísticos.
  4. Capacidade de desestacionalización da demanda.
  5. Inversión do fenómeno de xentrificación turística que provoca un aumento dos alugueres e con el un paulatino despoboamento de habitantes e comercio non turísitico da zona histórica.

Como criterios clave da nova folla de ruta do PET figuran a coperación público-privada, a sustentabilidade e a calidade, a profesionalización, a innovación e o talento.

De todo isto nacen cinco retos do PET 2017-2022, catro deles de carácter turístico e un reto transversal de cidade:

  • Reto 1 gobernanza. Optimización desta a través da coordinación de todos os axentes con competencias sobre o feito turístico.
  • Reto 2 descentralización. Mediante a valorización de novos polos de atracción turística fóra da zona centro e un Plan de sinalización turística integradora en Compostela.
  • Reto 3 desestacionalización. Mediante o impulso da cidade como destino urbano multicultural, potenciación do turismo gastronómico, a aposta polos selos de calidade no sector privado para mellorar a competividade e a experiencia turística de visitantes e peregrinoa, captación de segmentos de público especializados mediante un plan de promoción offline D.O. Santiago e un plan de promoción online D.O. Santiago.
  • Reto 4 sustentabilidade. Sustentabilidade ambiental e potenciación de Santiago como cidade verde; mellora da mobilidade de visitantes; sustentabilidade turística social e económica mediante a potenciación da vivenda e campañas de respeto dirixidas a persoas visitantes, implantación de novas foramas de fiscalidade turística…

O PET, artellado coa vista posta no 2022, despois do Ano Santo Xacobeo de 2021, ten a visión de conformar o que será o turismo compostelán máis alá da hora punta que pode supoñer este fenómeno, cunha visión a longo prazo baseada na sustentabilidade turística en tres niveis: social, económico e ambiental.