Reducir o impacto ambiental das actividades de mantemento e conservación das zonas verdes

PLAN DIRECTOR DE ZONAS VERDES E ESPAZOS PÚBLICOS

Santiago de Compostela conta con case de 2.500.000 de m2 de superficie de espazos verdes, o que supón máis de 24 m2 por habitante, superior ao indicado pola Organización Mundial da Saúde (entre 10 a 15 metros2/habitante). É a cidade con máis zonas verdes de Galicia e unha das máis dotadas do Estado (superada por cidades como Pamplona, 26 m2/hab, ou Vitoria, 24 m2/hab).

As zonas verdes urbanas teñen beneficios ambientais como son a mellora do microclima, a calidade do aire e a redución do dióxido de carbono, depuración de augas, sumidoiro de carbono ou incremento da biodiversidade e capacidade de campo. Con todo, no seu mantemento tamén se fai un uso intensivo de recursos naturais e de enerxía, así como a utilización de abonos químicos ou fitosanitarios, xeradores de contaminación difusa. Mediante unha adecuada xestión ambiental, desde o Concello de Santiago preténdese un triplo obxectivo: reducir o impacto ambiental das actividades de mantemento e conservación das zonas verdes, incrementar os seus beneficios para o medio ambiente urbano e mellorar a prestación do servizo e a percepción que ten del a cidadanía.

Na procura deste triplo obxectivo, encargouse a redacción dun Plan director das zonas verdes e espazos públicos no que se levou a cabo unha análise dos espazos verdes da cidade para, posteriormente, definir as estratexias que rexerán as actuacións en cada unha das zonas identificadas neste plan. A metodoloxía empregada foi a aproximación dende varias escalas (territorial, municipal e zonas verdes), analizando en cada unha delas os principais sistemas (auga, usos, mobilidade e paisaxe) até definir as directrices posibles para a súa aplicación nos diferentes proxectos que poidan xurdir na construción do espazo público dentro do termo municipal. No plan director estableceuse unha novidosa clasificación para o sistema xeral de zonas verdes e do espazo público: parques patrimoniais, xardíns urbanos, parques fluviais e parques transicionais.

A día de hoxe, Compostela conta con máis de 47 parques maiores de 10.000 metros cadrados, próximos e accesibles, o que resulta tan importante como a súa cantidade. As previsións de crecemento encádranse na mellora da interconexión das zonas verdes existentes, o deseño de novos parques transicionais e a creación dunha extensa rede de parques fluviais que englobarían a totalidade dos tramos periurbanos dos ríos Sar e Sarela. Mostra da recuperación e posta en valor das marxes fluviais de Santiago pode verse na web municipal do Parque Fluvial de Santiago.

Consulta o Plan Completo en PDF

PDF. 5 Plan director de zonas verdes