A conservación do patrimonio enmárcase no desenvolvemento sostible

Plan de xestión da Cidade Histórica

Despois de máis de dúas décadas de vixencia do Plan especial de protección e rehabilitación da Cidade Histórica xorde a necesidade de revisalo e de regular os seus usos tendo en conta as circunstancias actuais. O Plan especial é un compromiso coa UNESCO para o cumprimento das condicións esixidas por ser Cidade Patrimonio da Humanidade. O propósito do Plan especial é aglutinar o conxunto de planificacións e decisións relevantes que afectan á Cidade Histórica e á cidade de Santiago de Compostela no seu conxunto en torno a unha planificación estratéxica que garanta a coherencia e a cohesión interna dos diferentes plans, programas e grandes proxectos dos próximos anos. Os principios de actuación da UNESCO inclúen a necesidade de enmarcar a conservación do patrimonio no desenvolvemento sostible, gran principio que desde 2015 se plasma nos 17 ODS aprobados polas Nacións Unidas baixo a denominada Axenda 2030.

O novo Plan especial asume obxectivos como a prioridade do uso residencial, a revitalización do ámbito, a valorización dos seus espazos, a definición de novas edificacións, a mellora da conectividade ou o acrecentamento dos valores culturais e arqueolóxicos. Ademais, tamén considera un contorno territorial amplo que ademais da Cidade Histórica, incorpora as cuncas visuais e as complexas relacións sociais expresadas de diferentes formas, o que supón ter en conta áreas próximas como o Ensanche, os campus universitarios, o territorio entre o Sar e o Sarela e mesmo a Cidade da Cultura e o resto do municipio.

Esta reflexión estratéxica que se plasma no Plan especial parte dos seguintes requisitos:

  • Unha visión integral, renovadora que aborde en profundidade os graves problemas de desvitalización que afectan á Cidade Histórica.
  • Forte participación dos axentes sociais, tanto na planificación como na xestión.
  • Capacidade de acoplamento entre visión estratéxica e programación de actuacións concretas.

A visión do Plan de xestión da Cidade Histórica é lograr que Santiago recupere a súa vitalidade como cidade residencial e activa, que desenvolva todo o seu potencial como foco universal, optimizando o seu potencial interconectado internacionalmente con intensas relacións en xestión do coñecemento, creación artística e cultura. Unha cidade acoplada co seu territorio, referente en conservación do patrimonio e o benestar comunitario, e cun forte atractivo para as persoas e para o intercambio de ideas e de valor universal. Todo isto apoiado, entre outros,  nos valores de adaptación ás esixencias do cambio global, contribuíndo á descarbonización e promovendo prácticas de vida saudable, engarzando a cidade co territorio, creando condicións confortables de residencia nos ámbitos público e privado e mantendo a cidade viva, compatibilizando a conservación do patrimonio e a calidade de vida contemporánea.

Consulta o PLAN COMPLETO EN PDF

PDF.3 – Plan de xestión da Cidade Histórica