Fortalecendo a resiliencia e a adaptación para reducir o risco de desastres na cidade

Plan de xestión da Cidade Histórica

Plan de emerxencia municipal (PEMU Santiago) é un instrumento de carácter técnico por medio do cal se establece, mediante un conxunto de análises, normas e procedementos operativos, o sistema de resposta coordinada da Administración Local e doutras administracións fronte ás situacións de emerxencia extraordinaria e catastrófica que poidan chegar a manifestarse no termo municipal de Santiago. A elaboración do PEMU Santiago xorde da necesidade de establecer un instrumento de coordinación daquelas actuación relativas á protección civil, comprendendo a loita contra todo tipo de riscos que se poidan producir no termo municipal. A redacción do PEMU Santiago adaptouse ao disposto no PLATERGA e na Lei 5/2007 de emerxencias de Galicia.

En relación cos riscos da natureza, de todos os sucesos acaecidos nos últimos anos no concello de Santiago de Compostela posiblemente soamente activarían o PEMU Santiago os episodios de inundacións de xaneiro e marzo de 2001, os episodios continuados de inundacións dos meses de novembro e decembro de 2002, as inundacións provocadas polo desbordamento do río Tambre en xaneiro de 2004 e as inundacións provocadas polo desbordamento do río Tambre en 2006. En relación cos riscos antrópicos, posiblemente soamente activaría o PEMU Santiago o incendio industrial que afectou ás naves de almacenamento de madeira da empresa FINSA en xuño de 1990 e a onda de incendios forestais que afectou á comarca e ao termo municipal de Santiago de Compostela nos meses de agosto e setembro de 2006.

Este plan persegue os seguintes obxectivos:

  • Analizar os riscos que poderían ocasionar unha situación de emerxencia dentro do Municipio de Santiago de Compostela así como identificar onde existe máis probabilidade de que se manifesten e baixo que circunstancias.
  • Determinar as medidas de prevención fronte aos riscos atopados.
  • Catalogar os medios e recursos dispoñibles para reducir e reparar as consecuencias dos sinistros.
  • Establecer a coordinación máis axustada entre os medios existentes en relación aos riscos e poder proceder á resposta rápida en caso de emerxencia.
  • Organizar as funcións básicas de protección civil no Termo Municipal de Santiago de Compostela
  • Promover actividades de autoprotección corporativa e cidadá.
  • Informar e concienciar á poboación sobre os riscos e as medidas de protección.

Consulta o PLAN COMPLETO EN PDF

PDF.4 – Plan de emerxencia municipal (PEMU)