Convenio no que participa o Concello de Santiago de Compostela para a creación do parque Compostela Rupestre promovido pola Deputación da Coruña

CONVENIO PARA A CREACIÓN DO PARQUE COMPOSTELA RUPESTRE

En setembro de 2018, o Concello de Santiago asina xunto cos de Teo, Ames, Val do Dubra e Brión un Convenio de colaboración coa Deputación da Coruña para a creación e xestión conxunta do Parque Compostela Rupestre que servirá para poñer en valor e promocionar o rico patrimonio arqueolóxico que atesoran os cinco Concellos. O Convenio ten unha duración de catro anos, prorrogables por outros catro.

O futuro Parque Compostela Rupestre contará cun Centro de Interpretación, o Centro de Interpretación de Villestro – CIVI, unha antiga escola unitaria dos anos 60 do pasado século, rehabilitada para este fin polo Concello de Santiago; trátase dun edificio de dúas plantas,  accesible, cunha superficie de 260m2 que se encontra nunha parcela de 4.500m2. O CIVI está situado no centro do Val de Roxos e mira de fronte ó monte Santo Miguel que atesoura un conxunto rupestre excepcional tanto polo número de estacións como pola variedade da súa temática, descuberto en 2013 polo Colectivo A Rula. En 2015 realizouse no CIVI unha exposición temporal sobre a arte rupestre do Concello, organizada por este en colaboración co mencionado Colectivo, que foi un dos primeiros feitos que desencadearía o proxecto do Parque Compostela Rupestre. Un proxecto que vai contribuír a enriquecer e descentralizar a oferta turística da Cidade.