Rede de cooperación promovida polo Concello de Santiago que aglutina a asociacións empresariais e sociais, e sindicatos para a creación de emprego de calidade no municipio

PACTO LOCAL POLO EMPREGO

O Pacto local polo emprego é unha iniciativa do Concello de Santiago de Compostela para, en colaboración con entidades que representan o tecido económico e social do noso concello, desenvolver políticas activas de emprego que favorezan a creación de emprego  estable e de calidade no noso ámbito local e mellorar as cualificación profesionais, co fin último de lograr un desenvolvemento económico sustentable que procure a inclusión social, sen deixar a ninguén atrás.

Forman parte do Pacto local polo de emprego, ademais do Concello de Santiago, a Cámara de Comercio, a Asociación de Empresarios do Polígono do Tambre, a Asociación de Empresarios de Hostalería, a Universidade de Santiago de Compostela, os sindicatos Comisións Obreiras e Unión Xeral de Traballadores e a Plataforma polo Emprego.

MESA POLO EMPREGO

A Mesa polo Emprego é o órgano representativo do Pacto local polo emprego que se reúne periodicamente para definir a estratexia de emprego local e facer o seu seguimento. Nela están representadas todas as entidades que asinaron o Pacto local polo emprego e, polo tanto, é a encargada de establecer as diferentes estratexías que guiarán as políticas de emprego no ámbito local. Constitúese, ademais, como un órgano participativo, unha rede para mellorar a coordinación e optimización dos recursos sociolaborais do ámbito municipal para avanzar na mellora da empregabilidade e da inserción laboral das persoas desempregadas do concello.