Un pacto para reducir as emisións de CO2 nun 40% de aquí a 2030 no termo municipal

Pacto dos alcaldes para o clima e a enerxía

En 2016, o pleno municipal aproba a adhesión ao Pacto de alcaldes para o clima e a enerxía, un acordo impulsado pola Comisión Europea en 2008 que posteriormente foi expandíndose ata alcanzar na actualidade ámbito mundial e que se encadra na Estratexia europea de adaptación ao cambio climático, posteriormente Estratexia enerxética europea.

Para completar a adhesión ao pacto é imprescindible elabora un plan de acción de enerxía sostible de aplicación no municipio para acadar o compromiso de reducir as emisións de CO2 no termo municipal nun 40% ata 2030, apostando por mellorar na eficiencia enerxética e por un maior uso das enerxías renovables, cun enfoque común para a mitigación e a adaptación ao cambio climático. Nesta liña, o Concello levará un inventario de emisións e comprométese a redactar informes de avaliación dos pasos dados, cando menos cada dous anos.

Os concellos que asumen o pacto comparten unha visión común para 2050: acelerar a descarbonización dos seus territorios, fortalecer a súa capacidade para adaptarse aos impactos ineludibles do cambio climático e conseguir que a súa cidadanía goce do acceso a unha enerxía segura, sostible e accesible.