O novo contrato garante que a enerxía subministrada sexa cen por cento renovable

Compra pública sostible

En 2017, o Concello de Santiago de Compostela adxudicou o contrato de subministración de enerxía eléctrica en baixa e media tensión á empresa Gas Natural Comercializadora, S.A.

Este contrato supón, por unha parte, regular a subministración eléctrica e, por outra, simplificar a facturación, xa que reduce a unha terceira parte as máis de 3.000 facturas anuais do anterior sistema de subministración. A adxudicación do servizo a través dun concurso permite un importante aforro ás arcas municipais, que ve rebaixada a factura en máis de 600.000 euros.

Outro aspecto importante que destaca é o logro de garantir a contratación do 100% da enerxía eléctrica con garantía de orixe renovable, moi por riba do 50% que figuraba como mínimo legal nos pregos. Ofertar este tipo de enerxía tiña un peso do 25% no concurso, motivo polo que todas as empresas que presentaron ofertas acadaron o máximo posible de enerxía renovable.