Proxecto piloto para reciclar ou recuperar os restos orgánicos

A directiva europea de residuos do ano 2008 sinala o obxectivo de que, no ano 2020, o 50% dos residuos domésticos sexan reciclados ou recuperados, e por iso é prioritario actuar sobre os restos orgánicos que supoñen practicamente a metade da bolsa do lixo das familias.

A partir do 1 de xaneiro de 2017 Santiago incorpouse á Rede Estatal de Entidades Locais pola Compostaxe Doméstica e Comunitaria e asumiu o compromiso de desenvolver políticas locais que impulsen a compostaxe doméstica e comunitaria, a través de campañas educativas e informativas, e de experiencias piloto.

As tres illas de compostaxe comunitarias son utilizadas directamente polas familias que o desexen, ás que se lles facilita unha tarxeta RFID coa que abrir o composteiro. Elas encárganse de depositar os restos orgánicos e tamén o estruturante, o material formado por restos de polas ou herbas que evita que os residuos podrezan e produzan mal olor e facilita que se convertan en compost.

Ás illas iniciais do proxecto piloto, situadas en Galeras, Santa Marta e Salgueiriños, sumáronse posteriormente as de Grixoa, Figueiras, Villestro, Laraño, A Gracia e A Sabugueira.

Tamén se colocaron composteiros en sete centros de educación infantil e primaria do municipio (Raiña Fabiola, Vite, Santiago Apóstolo, As Fontiñas, Ramón Cabanillas, Roxos e Lavacolla). Cada un dos centros recibiu dous composteiros de 320 litros de capacidade e toda a ferramenta necesaria para o proceso. O Concello, a través do Departamento de Parques e Xardíns, encárgase da entrega do estruturante que permite que os residuos orgánicos se convertan en compost e Adega desenvolve nos colexios o proxecto educativo vinculado á compostaxe.