Compostela, medrando en verde
As hortas urbanas municipais son terreos públicos que o Concello de Santiago cede á cidadanía para seren usados como terreos hortícolas por un período máximo de catro anos.
As persoas titulares teñen dereito a cultivar a parcela. O Concello proporciona a terra e a auga para a súa rega. Calquera outro material ou gasto derivado do cultivo da horta, como os apeiros de labranza, as sementes ou o fertilizante, vai por conta da persoa titual, que se compromete a manter a horta en bo estado de cultivo durante todo o tempo que dure a adxudicación do uso. No caso de non poder cultivala, deberán renunciar ao seu uso e a horta quedaría dispoñible para as persoas da listaxe de agarda, que continúan coa concesión anterior nas mesmas condicións que a persoa titular.
Actualmente, o Concello de Santiago conta oito espazos de horta (294 hortas) repartidos do seguinte xeito:
- Belvís de Arriba (30 hortas): concesións de uso até 2020.
- Belvís de Abaixo (26 hortas): concesións de uso até 2023.
- As Fontiñas (39 hortas): concesións de uso até 2021.
- Almáciga (32 hortas): concesións de uso até 2020.
- Caramoniña (21 hortas): concesións de uso até 2020.
- Brañas de Sar (54 hortas): concesións de uso até 2020.
- Santa Marta-Conxo-Volta do Castro (38 hortas): concesións de uso até 2023.
- Campo das Hortas (54 hortas): concesións de uso até 2023.