Cinco áreas de acción, nove obxectivos, vintenove liñas de actuación e 66 medidas para lograr un emprego de calidade e inclusivo
Introdución
ESTRATEXIA LOCAL DE EMPREGO 2015-2020
Foi construída de forma participativa mediante mesas temáticas e mesas de debate no marco do Foro Colaborativo de Emprego 2015 e validada pola Mesa polo emprego, órgano representativo do Pacto local polo emprego.
A Estratexia local de emprego recolle as áreas de actuación, os obxectivos, as liñas e medidas, seleccionadas e priorizadas en atención a criterios como a competencia municipal en materia de emprego ou o impacto previsto, entre outras.
A estratexia, en síntese, recolle as seguintes áreas de actuación:
- Servizo de apoio ás persoas para a consecución dun emprego. Os seus obxectivos son mellorar o acceso aos recursos socio laborais, desenvolver itinerarios individualizados e o desenvolvemento de prácticas laborais remuneradas. Diminuír a desigualdade de xénero existente no acceso ao emprego: fomentar a contratación laboral das mulleres que están na economía informal (coidados e traballo doméstico), facilitar a reincorporación ao traballo tras un período de inactividade polo coidado de familiares e diminuír a segregación horizontal das mulleres nas actividades onde están subrepresentadas.
- Emprego público e compra pública ética. Polo que se incorporarán cláusulas sociais, criterios de compra ética e reservas de mercado na contratación por parte do Concello, primando a xeración de emprego de calidade, criterios de sustentabilidade e igualdade de xénero nas prácticas das empresas, entre outras medidas.
- Colaboración e compromiso cívico das empresas. Quere implicar o tecido empresarial na consecución dun pleno emprego de calidade no marco da responsabilidade social empresarial e mellorar o procedemento de intermediación da Axencia Local de Colocación.
- Fomento do emprendemento con especial incidencia na economía social. Visibilizar e sensibilizar sobre a economía social, facendo valer a súa importancia. Favorecer e fomentar o emprendemento como fórmula de inserción laboral, facilitando tamén o acceso a recursos económicos para colectivos con menores oportunidades.
- Rede de axentes, coordinación e avaliación do plan. Os obxectivos son mellorar a coordinación e optimización dos recursos sociolaborais no ámbito municipal, potenciando o traballo colaborativo e promovendo unha rede local de recursos socio laborais, e mellorar a competencia do persoal técnico municipal e das entidades que forman parte da rede local polo emprego.