Aposta do Concello de Santiago pola redución das emisións

Enmárcase nunha aposta do Concello de Santiago pola redución das emisións e é o froito dun convenio de colaboración entre o Grupo de Investigación SEPA (Pedagoxía Social e Educación Ambiental) da Universidade de Santiago e a Concellaría de Medio Ambiente e Convivencia.

En marzo de 2017 púxose en marcha inicialmente o programa con tres grupos: un con mulleres de máis de 60 anos na Lavacolla, outro con mozos e mozas en Vite e un terceiro mixto no Centro Sociocultural das Fontiñas.  No de Lavacolla, as propias mulleres optaron por reflexionar sobre os seus hábitos de alimentación e a súa relación co cambio climático. Nese sentido, estase a traballar coa recuperación da memoria do que comían cando eran novas, e de cómo cultivaban as terras. Nas Fontiñas, están implicadas no proxecto unhas quince persoas que elixiron o tema da enerxía eléctrica.

En outubro de 2017 sumáronse novas accións e outros tres centros socioculturais (Busto, Conxo e O Castiñeiriño). O proxecto aposta agora por tres novas liñas: a coordinación das diferentes accións dende o Concello de Santiago relacionadas co cambio climático, a atención a un público sénior e a utilización da memoria como elemento motivador. O traballo coa memoria, porque na memoria da xente maior están os tempos nos que a taxa de baixas emisións é unha experiencia vivencial, pódenos traer claves para novas accións medioambientais. A memoria dos barrios empregarase como fío condutor interxeneracional e como aposta de futuro.

O programa inclúe unha parte de intervención educativa, con seis sesións dunha hora de duración con cada grupo, e actividades que buscan mostrar como a vida cotiá das persoas inflúe, negativamente, no cambio climático. Para comprobalo, na práctica, organizáronse dende paseos pola contorna dos diferentes centros a obradoiros de cociña ou elaboración de conservas.

En xullo de 2017, o proxecto recibiu unha subvención da Fundación Biodiversidade, dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica, para reforzar as súas actividades de cara ao seguinte curso. A axuda ascende a algo máis de 44.000 euros e diríxese a en marcha un programa de colaboración co concello de Donostia, exportando o modelo do Descarboniza! Que non é pouco

No 2019 inicia o ano con actividades nos centros cívicos da Rocha, Vite, Sar, Bornais, Almáciga, Figueiras, Santa Marta, Nemenzo, Bando, Lavacolla e Busto. Os grupos participantes están integrados fundamentalmente por persoas maiores, usuarias das actividades de memoria dos centros cívicos.

O traballo con estes grupos céntrase na identificación de prácticas de baixo consumo enerxético, propias das vivencias persoais pasadas de moitas das participantes. A importancia da recuperación de moitas destas prácticas e, sobre todo, de facelo en clave colectiva, será o obxectivo fundamental do proxecto, alén dun maior coñecemento das causas e consecuencias do cambio climático dende o cotián.

As conclusións do traballo desenvolvido neste curso serán trasladadas ás distintas administracións para valorar a súa continuidade e extensión a outros concellos.