Área de actuación centrada na personalización dos servizos para mellorar a empregabilidade das persoas desempregadas

DEPARTAMENTO DE EMPREGO

O Concello de Santiago leva anos executando unha estratexia de intervención centrada na personalización dos servizos que presta ás persoas sen emprego a través deste Departamento, adaptando o máximo posible as políticas públicas de atención ás persoas desempregadas á realidade do municipio, e impulsando programas de intermediación laboral que teñan en conta as necesidades especiais das persoas demandantes de emprego con diversidade funcional ou en risco de exclusión.

Dende esta área xestiónase a Axencia Local de Colocación, que xoga un papel fundamental nesta intermediación coas persoas desempregadas, pero tamén no eido da formación, realizando cursos de formación ocupacional, obradoiros de emprego, programas integrados e operativos de emprego, medindo de forma continua a súa eficacia, e orientándoos aos sectores e actividades estratéxicos da economía e o emprego.

Ademais, desde 2018 o Departamento de Emprego está embarcado nun ambicioso proxecto para a promoción, o recrutamento do talento e a innovación, organizando cada ano un Foro centrado nestes factores clave da ocupación e o desenvolvemento económico local. A isto, sumarase proximamente o Centro de Excelencia Tecnolóxica, Emprego e Coñecemento – CEXTEC, unha rede para institucións públicas e privadas que apostan polo talento e a empregabilidade, o coñecemento e a investigación, e a tecnoloxía e a innovación.