Área para a promoción do comercio local

Promoción do comercio local

A Area de Comercio impulsa actuacións para mellorar a oferta comercial de Santiago e para promocionar o comercio como elemento vertebrador da vida social e económica da cidade, a través de políticas activas de apoio ao comercio, de impulso do asociacionismo comercial, do aumento da súa competitividade e de mellora do contexto urbano.

Nesta liña, promóvese e apóiase o comercio de barrio, fomentando o asentamento de empresas de servizos, a creación de cooperativas e a difusión de produtos turísticos na zona rural. Impúlsase a actividade comercial, suxerindo iniciativas comerciais innovadoras e alternativas para o comercio tradicional, a través de proxectos colectivos e coordinando as campañas de dinamización comercial coas campañas turísticas, culturais e de festividades da cidade.

Santiago é un gran centro comercial aberto cunha tradición mercantil que se remonta á Idade Media e que fixo desta cidade un dos principais centros de mercado da rexión ao longo da historia. Ao abeiro do fenómeno da peregrinación xurdiron na Compostela medieval moitas producións artesanais, na súa maioría destinadas ao consumo dos peregrinos: a vieira ou venera e os traballos en acibeche son só dous dos principais exemplos. Foi a través deses peregrinos chegados de todas as rexións de Europa que os artigos composteláns foron exportados a lugares moi afastados da nosa cidade.

En contra do que acontece noutras cidades, nas que os comercios están maioritariamente concentrados nunha única zona céntrica (que comprende unha ou varias rúas claramente enfocadas ás compras) e máis nas grandes superficies comerciais das periferias, Santiago dispón de varias áreas comerciais ben delimitadas que foron adquirindo co crecemento da cidade as súas propias peculiaridades:

O Ensanche

A Cidade Histórica

Barrios comerciais da cidade: San Pedro, Conxo, San Roque, Vista Alegre – Pelamios – Romaño, Vite – Guadalupe – San Caetano, e A Almáciga – O Espírito Santo.

A oferta comercial da cidade complétase co Mercado de Abastos, grandes superficies comerciais como Área Central, As Cancelas e o Centro Comercial Compostela, o polígono da Costa Vella, así como cos mercados periódicos que se celebran na cidade.