Órgano executor das accións marcadas polo Real Padroado da Cidade de Santiago de Compostela

CONSORCIO DE SANTIAGO

Créase en 1992 como órgano executor das accións marcadas polo Real Padroado. Está presidido polo alcalde de Santiago e forman parte del representantes das diferentes administracións públicas do Real Padroado.

Como ente interadministrativo desenvolve políticas de recuperación urbana, de actualización de infraestruturas e equipamentos e de recuperación do espazo público, todo para a conservación e posta en valor do patrimonio histórico na convición de que este pode ser o motor da transformación contemporánea da cidade. Ademais, o Consorcio promove políticas de acción cultural e de estudo e interpretación da historia da cidade e do fenómeno xacobeo. O compromiso cooperativo das administracións públicas implicadas no Consorcio da cidade responde ao obxectivo de articular, no noroeste da península ibérica e en consonancia co carácter europeísta do fenómeno xacobeo, un proxecto urbano de fortalecemento social, cultural e turístico para a capital de Galicia.

Forman parte do seu patrimonio o Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia, o Multiusos Fontes do Sar, a nova sede do Museo das Peregrinacións e de Santiago, a Casa do Cabido, o parque de Vista Alegre, a Escola de Altos Estudios Musicais, a Casa de Europa, o Centro de Estudos Avanzados, o Museo de Historia Natural, o Albergue de Peregrinos de San Lázaro e o parque forestal da Selva Negra-Monte Pedroso.

Actualmente, o Consorcio de Santiago está participando en varios proxectos europeos:

  • Proxecto Atlas-WH que se centra na sostenibilidade das cidades Patrimonio da Humanidade incluídas na área atlántica.
  • Proxecto Effesus para a sustentabilidade dos centros históricos europeos:  o Consorcio é un dos 23 socios deste proxecto no que participa co estudio “Enerxía e medio ambiente para a rehabilitación de Santiago de Compostela”.  Tamén asume a representante da cidade histórica como un dos sete casos de estudio do programa.
  • Compostela rehabilita con enerxía! Laboratorio urbano da enerxía e obradoiros participativos. Obradoiros participativos celebrados no marco do Proxecto Effesus dirixido á cidadanía para que esta mellore a xestión enerxética nas súas vivendas. Comprendeu conferencias, obradoiros didácticos para nenos e nenas e consultas personalizadas da cidadanía con expertos neste campo.
  • Programa FASUDIR. O Consorcio é un dos 11 socios membros deste proxecto europeo que pretende crear unha ferramenta que facilite a toma de decisións á hora de levar a cabo a rehabilitación enerxética dun barrio ou distrito. Santiago, xunto con Munich e Budapest foron seleccionadas pola UE para que as súas actuacións en materia de rehabilitación sirvan de modelo para outras actuacións europeas.