Participación cidadá

Consello Municipal de Turismo

En 2016, coincidindo co Día Internacional do Turismo, constitúese o Consello Municipal de Turismo, que levaba sen reunirse dende xullo de 2010. O obxectivo deste órgano é fomentar o diálogo, a participación e o asesoramento na toma de decisións da política turística municipal. No Consello participan os grupos políticos con representación no Concello e os axentes estratéxicos do sector turístico, como a Asociación Hostalería Compostela, a Universidade de Santiago, Turismo de Galicia, Guías Turísticos de Santiago, Asociación de Intermediación de Produtos Turísticos de Viaxes de Galicia (AGAVI), Compostela Monumental, Fundación Santiago Centro, Cidade da Cultura, Unión de Consumidores de Galicia etc., que acordaron reunirse cada tres meses.

Unha das primeiras medidas adoptadas foi a revisión e actualización do Plan estratéxico de turismo 2009-2015 sobre a base do consenso e acorde ás necesidades da poboación, do empresariado local e dos turistas. Considerouse fundamental para este traballo coñecer de forma plural a opinión sobre o fenómeno turístico na cidade, polo que se recolleu información dos axentes implicados: veciñanza, diferentes sectores económico, Universidade, representantes do sector turístico, distintas escalas da administración e do ámbito relixioso.

A finais de 2018 presentouse o avance do Plan estratéxico do turismo de Santiago 2017-2022, cuxa finalidade é dotar a cidade dunha guía de traballo e dunha mirada a longo prazo que, máis alá do Ano Santo 2021, configure un destino sustentable e de calidade, cun maior entendemento entre turismo e poboación e maior xeración de riqueza, competitividade e rendibilidade do sector.

O plan aborda catro grandes retos: a gobernanza, a descentralización, a desestacionalización e a sustentabilidade.