Un órgano participativo para mellorar a xestión sanitaria do ámbito municipal

En 2016, o Pleno da Corporación aprobou a designación dos membros do Consello Municipal de Saúde. Deste xeito, este órgano queda definitivamente reactivado tras un longo período de dez anos sen celebrar ningunha xuntanza.

O Consello Municipal de Saúde está presidido polo alcalde, actçua como vicepresidenta a concelleira de Políticas Sociais e conta con representantes dos grupos da Corporación municipal. Do órgano tamén forman parte representantes da administración sanitaria da Área Sanitaria de Santiago e da Xunta de Persoal, dos colexios profesionais de médicos e psicólogos, das asociacións de persoas usuarias e do Consello de Relacións Veciñais

O Consello Municipal de Saúde é un órgano colexiado de participación comunitaria para a consulta e seguimento da xestión sanitaria no ámbito municipal. O seu regulamento data de 2003, polo que un dos primeiros obxectivos será actualizalo. A máis longo prazo, deberase elaborar un plan municipal de saúde. Segundo o regulamento actual, o Consello debe reunirse de xeito ordinario unha vez por semestre.

En febreiro de 2019, o Consello Municipal de Saúde aproba o Plan integral de atención ás persoas en aituación de senfogarismo. Este documento supón o primeiro plan destas características elaborado por unha administración local de Galicia para fixar formalmente unha folla de ruta na prevención e abordaxe das diferentes situacións e circunstancias que condicionan a aparición ou o mantemento do senfogarismo. A clave deste plan está en construír unha cimentación, o máis sólida posible, para que nos vindeiros anos se mellore a abordaxe e prevención do senfogarismo. Tal e como recolle o documento aprobado, «a presenza e finalización do plan coloca a capital de Galicia na vangarda da prestación de servizos sociais dirixidos a persoas sen fogar».