Alianza para a protección e promoción do patrimonio rupestre

Consello Director de Compostela Rupestre

En febreiro de 2019 queda constituído o Consello Director de Compostela Rupestre cos concellos de Santiago, Ames, Brión, Teo e Val do Dubra e mais a Deputación da Coruña para levar a cabo o proxecto do Parque Compostela Rupestre.

Nesa reunión acordouse a formación do Consello Asesor, do que forman parte a Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia, un arquitecto da Deputación da Coruña, a arqueóloga do Concello de Santiago, o Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC, a Universidade de Santiago a través do seu Departamento de Arqueoloxía, o Colectivo A Rula e os investigadores Raquel Casal e Manuel Santos Estévez. Este comité científico servirá para asesorar sobre os pasos que cómpre dar, como a elaboración do proxecto museográfico, a posta en marcha do Centro de Interpretación da Arte Rupestre de Villestro, as actuacións necesarias para facer visitables e recoñecibles pola cidadanía os petróglifos máis importantes localizados nos cinco concellos, identificando cales son as mellores rutas para o labor de divulgación entre a veciñanza e a diversificación da oferta turística.

Difundir, protexer e poñer en valor o interesante tesouro patrimonial rupestre dos cinco concellos e outros elementos de gran valor é o fin deste proxecto que ten por diante uns anos fundamentais para a súa consolidación e para deseñar un futuro fundamentado no traballo colaborativo dos concellos implicados no proxecto Compostela Rupestre, para o que a Deputación da Coruña destina 500.000 euros.