Contratación Intelixente, responsable, integradora e sustentable

Instrución sobre contratación intelixente, responsable, integradora e sustentables (claúsulas IRIS)

Aplicación de consideracións de tipo social, laboral, ambiental, de innovación, de calidade e de proximidade aos contratos do sector público que suscriba o Concello de Santiago.

Con este acordo, que consistirá na incorporación en todos os contratos públicos dunha serie de cláusulas de carácter social quere obrigarse ás empresas a que incorporen melloras dende o punto de vista laboral. O obxectivo das cláusulas sociais pasa por lograr a inclusión de persoas en risco de exclusión social ou laboral, fomentar a igualdade efectiva entre mulleres e homes, a inclusión de persoas con diversidade funcional, a promoción da calidade e a estabilidade no emprego, a conciliación da vida familiar e laboral ou a promoción da economía social e as pequenas e medianas empresas.

No catálogo de cláusulas sociais inclúense: a adopción de medidas de conciliación da vida persoal e laboral, medidas específicas en materia de igualdade, o subcontrato de, cando menos,  o 15% do obxecto a empresas de servizos de interese económico xeral, a contratación dun mínimo do 5% de persoas desempregadas, que o número de novos contratos indefinidos chegue ao 30% e que se incorporen melloras na formación do persoal.

A maiores, poderase valorar tamén cunha maior puntuación no proceso de contratación aquelas propostas que convertan empregos temporais a indefinidos ou que melloren os salarios dos traballadores.