Un espazo de encontro co patrimonio natural

O Plan de sensibilización ambiental ten como obxectivo dar a coñecer entre os diferentes sectores da poboación, os valores que albergan os espazos verdes públicos da cidade de Santiago de Compostela.

Dentro destes sectores inclúense tanto os propios residentes da cidade como as persoas que a visitan con motivo da condición da cidade como Patrimonio da Humanidade e como destino dunha das principais rutas de peregrinación no mundo, o Camiño de Santiago. Deste xeito, o plan permite definir unha relación entre as persoas usuarias e os espazos verdes públicos que lles permita cuestionarse criticamente a situación ambiental da súa contorna e conseguir simultaneamente que coñezan os espazos verdes para que poidan valorar e gozar de forma positiva a cidade. Unha peza fundamental deste plan de sensibilización é o Centro de Información dos Parques e Xardíns (CIPX). Nel lévanse a cabo programas de información, divulgación, interpretación patrimonial e educación ambiental que comprenden liñas de traballo dirixidas aos centros educativos, á poboación local e ás persoas que visitan a cidade.

O CIPX encárgase principalmente de realizar accións de sensibilización ambiental para a cidadanía, deseñando unha serie de actividades co obxectivo de divulgar os valores ambientais e a importancia da súa conservación, ao mesmo tempo que fomentar actitudes positivas cos parques e xardíns. Dentro do programa de actividades destacan aquelas dirixidas á poboación escolar de Santiago de Compostela, pensadas para seren desenvolvidas de forma complementaria ao currículo formativo e adaptadas aos diferentes niveis educativos existentes.

En canto ás actividades orientadas ao público en xeral, o CIPX é un espazo ideal para realizar charlas, xornadas formativas, obradoiros, foros ou calquera outra actividade de reunión e participación. Estas actividades poden ser organizadas polo propio CIPX ou ben por asociacións e organizacións externas ao centro que así o requiran para actos relacionadoss cos obxectivos do Plan de sensibilización ambiental.

Consulta o Plan Completo en PDF

PDF. 7 – CIPX