Equilibrar a presenza de homes e mulleres na programación artísticas

O Concello de Santiago sumouse á Carta pola Igualdade MH nas Artes Escénicas, impulsada pola asociación Clásicas y Modernas co obxectivo de equilibrar a presenza de homes e mulleres na programación artística. O acordo subscrito aféctalle a tres espazos culturais da cidade: o Auditorio de Galicia, o Teatro Principal e a Sala Agustín Magán.

Coa sinatura do acordo, o Concello de Santiago incorpórase ás Tempadas pola Igualdade, unha iniciativa promovida pola asociación Clásicas y Modernas que procura que quen produza e programe danza, teatro ou música se comprometa a acadar neses ámbitos unha igualdade real entre homes e mulleres. En concreto, preténdese atender aos compromisos de igualdade no eido da produción e difusión, encamiñándose cara o equilibrio na programación dos textos escritos por mulleres e homes, o reparto de axudas igualitario entre artistas homes e artistas mulleres, a introdución de criterios de igualdade na constitución dos equipos técnicos e administrativos, e a loita pola paridade no seo dos consellos de administración, xurados ou comités de selección, entre outros aspectos.