Coa sinatura desta Carta, o Concello quere contribuír ao consumo de produtos galegos

Carta de consumo responsable e solidario

En 2016, o Concello de Santiago asinou a Carta de consumo responsable e solidario. O acto estivo organizado polo Concello en colaboración coa Irmandade Galega de Agroalimentarios e Adegueiros e o Foro Enrique Peinador. Tamén participaron os rexedores da Coruña, Lugo, Ferrol, a alcadesa en funcións de Ourense, o vicepresidente da FEGAMP e alcalde de Oroso, e o secretario xeral de Política Lingüística.

Na Carta recóllese o compromiso da institución pola calidade e o aproveitamento sostible dos recursos naturais, así como pola recuperación de especies, razas e variedades tradicionais adaptadas ao noso hábitat, que permiten dar aos produtos galegos unha personalidade propia. Neste documento inclúese tamén o deber responsable á hora de decidir que produtos se consumirán, coa conciencia de que os produtos galegos contribúen ao desenvolvemento económico, permiten fixar poboación e garanten a pervivencia do noso país.

Así mesmo, inclúese o deber solidario con aquelas persoas emprendedoras que deron o paso de etiquetar en galego as súas elaboracións ou que usan a nosa lingua nas súas campañas de promoción e comunicación.