Servizo de dinamización do mercado de traballo local mediante a mellora da empregabilidade e a intermediación laboral
Axencia Local de Colocación do Concello de Santiago de Compostela
As axencias de colocación, segundo o RD 1796/2010, de 30 de decembro, son entidades públicas ou privadas que realizan actividades que teñen por finalidade proporcionar un traballo ás persoas desempregadas. Para conseguir este fin valorarán perfís, aptitudes ou coñecementos das persoas desempregadas e tamén poden realizar actuacións relacionadas coa busca de emprego, tales como orientación, información profesional ou selección de persoal.
A Axencia Local de Colocación (ALC) é un servizo dependente do Concello de Santiago de Compostela, autorizada como axencia polo Servizo Público de Emprego Estatal, que realiza accións de apoio ao emprego como son:
- Orientar e asesorar as persoas desempregadas para mellorar a súa empregabilidade.
- Realizar intermediación laboral, facilitando ás empresas a contratación de traballadores cualificados para a cobertura das súas necesidades.
- Contactar coas empresas para difundir información sobre as iniciativas da ALC destinadas a facilitar a inserción laboral.
- Realizar prospeccións periódicas do mercado de traballo, detectando as necesidades de persoal e formación existentes, así como os novos nichos de emprego.
- Asegurar que serán atendidas todas as ofertas de emprego que se reciban, poñendo a disposición das empresas toda a información precisa sobre unha base de datos de máis de 4.000 demandantes de emprego, en función do perfil esixido para o posto de traballo.
- Asegurar ás persoas demandantes a permanencia nunha base de datos activa e dinámica que posibilitará novas oportunidades de emprego e orientación.
O número de ofertas e postos de traballo cubertos do sector privado coas persoas atendidas como resultado da actividade de intermediación da ALC é un indicador importante de eficiencia. Así, en 2017 a ALC xestionou 460 ofertas para un total de 880 postos, dos que se cubriron 251, participaron 38.123 demandantes de emprego e tivo contacto con 1.134 empresas.