Unir esforzos para unha política efectiva de vivenda orientada aos sectores sociais máis desfavorecidas

AVIVA

O Plan de mobilización da vivenda baleira pretende facilitar o acceso a unha vivenda digna a aquelas persoas que o precisan e poñer en valor a cidade construída.

O obxecto deste plan, iniciado en 2017, é  mobilizar a vivenda baleira no termo municipal. O plan inclúe a creación dunha bolsa de vivendas dispoñibles e un rexistro municipal de demandantes de vivendas en alugueiro co obxecto de nutrilas de inquilinos. Habilítase unha liña de axudas, con cargo ó orzamento municipal e autonómico, para as vivendas inscritas na bolsa de vivendas dispoñibles, co requisito de que a persoa propietaria teña dispoñible a vivenda para o programa durante tres anos. Para establecer a renda máxima de alugueiro de cada vivenda, a totalidade do termo municipal dividirase en tres zonas, cunha área de prezo máximo, outra de prezo intermedio e áreas de menor dinamismo e demanda. Así mesmo, establécese o número máximo de ocupantes que a vivenda pode acoller en función da superficie das estancias destinadas a dormitorio. Para ser demandante dunha vivenda de alugueiro, a renda da vivenda non poderá superar o 30% dos ingresos  da unidade familiar ou de convivencia. A selección de adxudicatarios de vivenda axustarase a un baremo. A duración do alugueiro é de tres anos.

O Plan de mobilización de vivenda baleira está adherido ao Programa de vivendas baleiras promovido polo IGSV e a FEGAMP.