Obxectivo 2: Poñer fin á fame, lograr a seguridade alimentaria e a mellora da nutrición e promover a agricultura sostible
Os nosos solos, mares, bosques, auga potable e biodiversidade están sufrindo un rápido proceso de degradación debido a procesos de sobreexplotación. A isto súmase o cambio climático que ameaza os recursos dos que dependemos e aumenta o risco de desastres naturais como secas e inundacións. Hai anos que a vida no medio rural non é atractiva e provoca que moitas persoas emigren ás cidades. O rural queda abandonado, e no noso contorno ten un nome propio, é a España baleirada.
Porén, o sector agrario e alimentario ofrece solucións clave para o desenvolvemento. Ben xestionadas, a agricultura, a silvicultura e a acuicultura poden subministrar comida de calidade para todo o planeta, xerar ingresos decentes e prosperidade, e protexer o ambiente.
Os investimentos en agricultura son fundamentais para aumentar a capacidade produtiva dun modelo extensivo baseado na agricultura a pequena escala sostible e resiliente, que fomente a diversidade xenética e devolva a vida ao noso rural. Estes sistemas ofrecen solucións clave para o desenvolvemento e son vitais para a eliminación da fame e a pobreza.
Necesitamos unha profunda reforma do sistema agrario e alimentario mundial se queremos nutrir os 815 millóns de persoas que pasan fame actualmente no mundo, e os 1000 millóns máis de persoas adicionais que vivirán no ano 2050.
A nivel local, este obxectivo busca o impulso de iniciativas ecolóxicas e a diversificación de bancos de sementes e plantas autóctonas, a promoción de hortas de autoconsumo e estimular a produción local.